Miriam Bermúdez, candidata do BNG en Viveiro: «Ao goberno actual fáltalle capacidade para negociar coa Xunta e co Estado»

Lucía Rey
lucía rey VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

O Bloque espera «recuperar a confianza dos veciños» para volver entrar na corporación despois de tres anos fóra dela

06 mar 2019 . Actualizado a las 20:08 h.

A candidata do BNG á alcaldía de Viveiro, Miriam Bermúdez, destaca que a organización encara as próximas eleccións municipais co obxectivo de «recuperar a confianza dos veciños e ampliar a súa base social» para volver entrar nunha corporación municipal na que levan tres anos sen representación a raíz da marcha ao grupo de non adscritos do anterior voceiro, Bernardo Fraga, e outros dous edís. «O BNG leva con representación no Concello desde 1979 e fixo propostas moi interesantes, caracterizándose sempre por que se implica e quere saber da opinión dos veciños», explica a alcaldable.

-O BNG xa ten a lista definida para as eleccións?

-Está moi avanzada, practicamente cerrada, pero o tramo do número dous ao vinte ten que pasar pola aprobación das asembleas local, comarcal e nacional.

-Influíu na elaboración da lista o feito de estar fóra da corporación viveirense desde o 2016?

-O Bloque ten unha base social moi potente, igual que noutros concellos, e pese a levar tres anos fóra da corporación viuse que segue moi vivido porque neste tempo fixemos multitude de propostas como oposición, igual que se estiveramos na corporación.

-Podería expoñer algunhas desas propostas?

-Podemos dicir que o BNG foi a única oposición que tivo este goberno pese a non estar na corporación porque entre as outras tres forzas, do goberno e da oposición, parece que existe un pacto de facto de non agresión para sobrevivir. Fixemos unha proposta para mellorar a LU-161, que vai por San Andrés a Ferreira, e vanse executar melloras no firme. É unha carretera importante porque comunica co noso rural, que está moi abandonado. En relación coa sanidade, hai días soubemos que van crear unha cuarta praza médica no centro de saúde en horario de tarde, algo que nós tamén demandamos. Outra petición é que a praza de pediatría que está vacante a habiliten tamén en quenda de tarde. Co saneamento da ría empezamos en xuño do 2017 e levámolo ao Parlamento Galego, organizamos concentracións, recollemos sinaturas... Era un manifesto aberto a toda asociación ou organización, e a única comunicación que tivemos da alcaldesa foi para destacar o negativo.

-Baixo o seu punto de vista, que precisa Viveiro?

-É importante resaltar a falta de capacidade que ten o goberno de María Loureiro para negociar coa Xunta ou co Estado cousas que son importantes para Viveiro, como a praia de Covas, que está totalmente paralizada. O ferrocarril quedou en nada cando en Ferrolterra e Ortegal lograron un aumento do presuposto e de frecuencias das liñas. E en abandono total temos as parroquias, que perden poboación e non se fai nada para evitalo porque este goberno só se centra no casco.