«Os cinco premios Mestre Mateo sérvenme para coller alento e seguir»

Lucía Rey
lucía rey XOVE / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

Volverá en breve ao seu pobo natal para rodar unha curta sobre as cartas dun soldado que morreu na Guerra Civil

04 mar 2019 . Actualizado a las 20:24 h.

A película Trote, do cineasta mariñán Xacio Baño (Xove, 1983), foi unha das grandes triunfadoras na gala dos premios Mestre Mateo celebrada a pasada fin de semana ao conseguir cinco dos quince galardóns aos que estaba nominada: á Mellor dirección de fotografía (Lucía C. Pan), ao Mellor guión (Xacio Baño e Diego Ameixeiras), á Mellor interpretación feminina de reparto (Melania Cruz), á Mellor interpretación masculina de reparto (Federico Pérez) e á Mellor interpretación feminina protagonista (María Vázquez). «Agardaba que algún premio caera nos actores e actrices, que son unha das grandes virtudes de Trote porque eles fixeron un traballo de interpretación magnífico, de crear un universo do non falado no que se nota verdade, xente real, persoas que todos podemos recoñecer e que ás veces son papeis máis complicados de facer que os de personaxes máis extremas, máis golosas», comenta o director.

-Como se sente despois de recibir tantos eloxios?

-Isto ten que ser unha festa, de celebrar, de ser xenerosos, non unha competición. É algo que vén e vai e non hai que darlle máis importancia da que ten, pero os cinco premios Mestre Mateo sérvenme para coller alento e seguir, e sobre todo porque recoñecen o traballo do equipo. Falan de que foi intenso e bo.

-Cando volverá a Xove?

-Estou na Coruña e a Xove volverei a seguinte semana. Vou facer unha curta documental que se titula Augas abisais. Volverei filmar na casa, montar unha especie de rodaxe, non grande, sobre unhas cartas da Guerra Civil. É un proxecto que levo rumiando dous anos e que vai ser moi especial porque vai tratar sobre como traballa o olvido. Sobre como nos olvidamos das cousas ou sobre o que existe e desaparece. É algo que me conecta coa existencia, coa alma, a vida..

-Pode adiantar algo máis?

-Partindo de seis cartas dun soldado da Guerra Civil imos facer unha peza onírica. Era un tío bisavó meu que tiña 17 anos cando o recrutaron contra a súa vontade. Tocoulle. Deixou seis cartas moi fermosas nas que se nota a evolución dun neno de 17 anos con todo o medo do mundo ao soldado máis valente do mundo. Só pasa mes e medio entre elas, e morre en Teruel.