«O lugar onde escribía Cunqueiro na casa, no faiado, vainos tirar emocionalmente»

Lucía Rey
lucía rey REDACCIÓN / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

O escritor visitará mañá por primeira vez a Casa-Museo da Praza da Catedral

28 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

«Que Cunqueiro teña a súa casiña en Mondoñedo, onde a ten que ter, é una grandísima noticia». Quen así se expresa sobre a esperada e desexada apertura da Casa-Museo Álvaro Cunqueiro, que terá lugar este venres, é Antonio Reigosa (Mondoñedo, 1958), escritor, ensaísta, cronista oficial de Mondoñedo e responsable de Comunicación e Xestión Cultural da Rede Museística da Deputación de Lugo.

-O 1 de marzo do 2019 será un día histórico para Mondoñedo...

-Desde a súa morte no 1981, dunha maneira ou doutra, facendo máis ou menos, todo o mundo pensou que era evidente e necesario que Cunqueiro tiña que ter un sitio de referencia en Mondoñedo que recordase a súa vida e a súa obra, pero por corenta mil razóns non se chegou a concretar ata ben pasados os 2000 que era necesario un museo ou calquera otro tipo de instalación, aínda que o que importa agora é que por fin se abra a casa.

-Imaxino que xa a terá visitado...

-Pois non, aínda non a visitei fisicamente, pisareina por primeira vez o día 1, pero teño referencias da empresa de montaxe e da páxina web na que o fundamental vese todo. E aparte coñezo o proxecto.

-E polas referencias que ten, que destacaría?

-Creo que o lugar onde escribía Cunqueiro na casa, no seu cuarto, no faiado, vainos tirar emocionalmente. Seguro que as outras partes do edificio cos seus paneis informativos, fotos, textos, etcétera van axudar a comprender a figura de Álvaro Cunqueiro, sobre todo á xente que non ten esa referencia, non é lectora ou non é de por aquí. Pero coa perspectiva que temos nós, os mindonienses, e en segundo lugar a xente que temos contacto coa literatura galega, coa súa historia e a importancia de Cunqueiro, a parte persoal é a que nos vai motivar máis. O cuarto que el usaba para escribir, ler e durmir porque hai que ter en conta que Álvaro Cunqueiro foi un escritor profesional, algo que hoxe en día no sistema literario galego é practicamente inviable se non se fai unha combinación con outras profesións e recursos para poder vivir.

-Que importancia ten nos nosos días o legado de Cunqueiro?

-Os anos de vida del foron moi convulsos, difíciles. Parten dun adolescente que se inicia coñecendo a Segunda República, que se implica no galeguismo e no movemento cultural, e que no 36 pasa como do día á noite, todo se confunde e se complica. É o calvario polo que ten que pasar el do ano 36 ao 47, cando comeza a recuperar o contacto co galeguismo. Paréceme que unha vez se entendan as peripecias vitais desas circunstancias históricas e persoais, e como volve integrarse no sistema literario galego en galego escribindo nesa casa precisamente obras como Merlín e familia, na súa obra vai gañando o literato, o gran creador, o escritor, o articulista, o poeta. Co paso dos anos a obra de Cunqueiro gaña en recoñecemento, pero non en calidade, que xa a tiña.

 -Co rural despoboándose ou a auxe das novas tecnoloxías, que queda da realidade máxica de Galicia que foi capaz de transmitir Cunqueiro?

-Daquelo non queda moito ou case nada. O mundo cambiou moitísimo, o propio Mondoñedo cambiou moitísimo. O rural xa non ten esa forza que tiña nos mercados semanais, nas feiras mensuais... Non sei que pasaría cun Cunqueiro vivo hoxe escoitando desde a mesma ventá ou desde o mesmo faiado o ruído das rúas de Mondoñedo. Non queda ese rural, pero en cambio a literatura de Cunqueiro é transversal a épocas e circunstancias históricas. É un fabulador, un creador imaxinativo, e por tanto os seus mundos están na súa cabeza, non literalmente no espazo no que viviu.

«O que me pide o corpo agora como cronista é volver ao Cunqueiro máis puro, ao da mocidade, ao que fixo un retrato apaixoado de Leiras Pulpeiro nun artigo de La Voz de Galicia no ano 1930»