Adrián Ben: «Intento coidarme o máximo pero un cocido tampouco me vai matar»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

O atleta viveirense confesa que o seu prato é o pulpo á feira, a serie «Juego de Tronos» e iría de turismo a Australia

11 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Adrián Ben faille honra ao seu primeiro apelido (o segundo é Montenegro) e segue sumando trunfo tras trunfo no atletismo. Vén de acadar en Madrid a súa segunda mínima para o Europeo.

-Cando remata unha carreira, que sensación lle queda no corpo?

-Depende de como acabe a carreira. Se acabo ben, estou feliz e contento, miro que cousas teño que mellorar, como foi... sabes? Se sae mal enfádome comigo mesmo; o que pasa sempre que che sae algo mal.

-Semella ser moi autoesixente.

-Si, bastante. A veces, máis do que me gustaría. Son tan autoesixente que non valoro algunhas cousas que teñen valor. Por exemplo, fixen un 1:48:10 nunha carreira na que case caio e rebentado, pero a min quédame a sensación no corpo de poder facelo mellor. Teño que valorar que a marca non sempre se pode facer.

-Sabe que hoxe en día hai moita moda co running. Como o ve?

-Son dous deportes diferentes aínda que parezan semellantes. Unha cousa é o running e outra o atletismo. Bueno... non sei cal é a definición exacta de running. Supoño que é atletismo popular, imaxino. Chamóuselle saír a correr toda a vida. Se dis que fas running queda como máis chulo ou máis moderno. Así penso eu...

-A súa paixón polo atletismo comezou na súa etapa escolar. No CEIP Santa Rita de Galdo e co profesor Luis Ramallal, non?

-Si, empecei a correr con Luis na escola. Foi o que me meteu no mundo do atletismo, neste mundillo. Nese momento era categoría escolar. Daquela non sabes o que vén despois, o que é un campionato de España, vas correr a Vilanova ou a Lugo... Para min xa saír da provincia de Lugo era... ¡uf, unha barbaridade! Agora vou ata a Budapest... Os da escola son dos mellores recordos que teño da miña vida. Volvo periodicamente alí, aínda que menos do que me gustaría. Alí teñen fotos miñas e recortes dos xornais. É un detalle que me emociona velo.

-Será un ídolo para os nenos.

-Para min é máis que unha honra. Se serve para que os nenos se motiven a facer deporte, estou moi orgulloso. O problema é o de sempre, que non hai instalacións, non hai nada para facer atletismo, en ningún lado... É como se intentas pescar cun fío. Dinche ‘podes pescar igual’. Xa, pero non é como pescar con caña.

-Como é un día seu normal?

-Levántome entre as oito e media e nove, baixo desaiunar, volvo recoller a habitación, leo, estudo, fago tempo ata as once que é cando entreno (dúas horas e media ou tres), como, se teño que ir a fisio vou ou senón dáme tempo a durmir unha pequena sesta para recuperar e se non teño que volver entrenar intento estudar cando teño exames ou leo ou xogo á Play.

-Cantas calorías inxire no día?

-Non che sei. Intento coidarme o máximo posible dentro dos meus gustos, non cometer excesos nin comer guarrerías e se é chocolate, do 85% para arriba.

-Seguro non rexeita un bo cocido en Viveiro. Equivócome?

-Claro! Agora que fun por navidades... Para min tampouco é malo. Se me teño que meter un cocido fágoo, que tampouco me vai matar, non vou morrer, ou un pulpo con zamburiñas. Peso 63 ou 64 quilos (o músculo pesa) e mido 1,80 de alto. Dos de atletismo non son dos delgados, non. Son dos que pesa un pouco máis do que debía. Hai xente que está máis finiña pero eu son máis musculoso, é dicir, teño algo máis de perna gorda, sobre todo é bo para gañar potencia. Son un tractor de roda gorda (sorrí).

-Corre a veces co seu can?

-Si. Chámase Beiro, un canciño de augas marrón. Se o vén polo paseo, que saiban que é atleta.

-Víñalle ben un galgo.

-O meu corre moito no sprint. Con 3 meses veu correr 50 minutos comigo á praia e case queda alí.

-Gústalle correr con música?

-Non. Prefiro ir pensando no que fixen onte ou vou facer mañá.

-Vexo que as pernas de Adrián non paran. E a cabeza tampouco!

-Como din en Land Rober, a cabeza non para (sorrí).

«Intento coidarme

o máximo posible dentro dos meus gustos, sen excesos»

«Miña irmá empezou este ano a competir outra vez e estou orgulloso»

Estuda Fisioterapia na Complutense de Madrid. Hai nada fixo un comentario en Twitter contando que na universidade non lle autorizaran cambiar unha práctica obrigatoria por coincidir con competicións, pese a ser deportista de alto nivel, según defende.

-Que efecto tivo o seu «tweet»?

-Non foi buscando nada nin ningunha repercusión. Simplemente pasoume unha cousa que pensei que era algo surrealista e quíxena compartir. Non sabía se era normal ou era eu que o vía desorbitado. Xa sabes como é isto, a xente empezou a poñerse no mesmo lugar e volveuse viral. Pero nada, que as prácticas non mas cambiaron.

-E agora, que vai pasar?

-En principio quedara o luns pasado para falar coa profesora e non me resolveu nada. Creo que o luns [hoxe] volvemos quedar.

-Como ve a igualdade entre os homes e mulleres neste deporte?

-Penso que moitas veces se pide igualdade e o que creo é que hai que pedir xustiza. O meu caso máis cercano é o atletismo. Penso que non se lle pode pedir a mesma mínima a un home que a unha muller, aínda que o esforzo é o mesmo. Creo que hai que amoldar á categoría de cada un.

-Hai máis deportistas dentro da súa familia, verdade?

-A miña irmá (Ana) á que lle levo sete anos. Faciamos carreiras para facer a gracia, pero non a tope. Empezou este ano a competir outra vez e como irmán estou moi orgulloso. Ela vén de ximnasia rítmica, son dous deportes moi contraditorios. Meu pai é o único que non fai deporte, leva máis ben a miña parte de relacións públicas. Miña nai tamén corre e ademais fai bádminton. Dime sempre que a vena deportista venme dela. E a miña moza tamén fai atletismo.