«Todo nos apunta a que temos grandes posibilidades de recuperar a alcaldía»

María Cuadrado Fernández
MARÍA CUADRADO FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Cajoto, candidato do PSOE á alcaldía de Foz, debuta na primeira liña política criticando a xestión municipal e asegurando que os focenses teñen gañas de cambio

28 ene 2019 . Actualizado a las 11:37 h.

Entrevistamos a Francisco Cajoto Caserío (Foz, 1983) cando viaxa en tren cara a Madrid por motivos laborais. A familia do PSOE focense ten depositado neste enxeñeiro de Camiños, Canles e Portos as súas esperanzas para recuperar a alcaldía. Casado, pai de dúas fillas de 7 e 10 anos e que reparte a semana entre o seu traballo en Sevilla e a súa vida familiar en Foz, Cajoto, afiliado ao PSOE, foi aclamado candidato en outubro nunha asemblea á que acudiu o 80 % da militancia. Desde entón, xa se reuniu con colectivos, veciños, empresarios... e segue pateando Foz.

-Debuta en política. ¿Por que decidiu dar o paso?

-Desde moi novo sempre tiven inquietudes políticas. Penso que no Concello se poden cambiar moitas cousas e axudar a xestionar mellor. Creo que podo aportar nesta etapa da miña vida: teño a experiencia necesaria e os coñecementos para conseguir melloras na calidade de vida dos veciños.

-¿Como califica o traballo do Goberno local?

-En xeral hai unha falla de xestión ou unha mala xestión que desemboca nunha falla de mantemento de estradas, de xardíns, de alumeado... en problemas de recollida de lixo. Inconvintes para a vida diaria dos veciños. Estamos nunha etapa na que os grandes proxectos ou megaproxectos non se poden executar pola limitación de recursos económicos. E o que anuncie megaproxectos para Foz estará faltando á verdade.

-Pero si faláramos de proxectos a medio prazo...

-Falariamos do auditorio, da mellora dos accesos a Foz.., pero os máis importantes son atender os servizos, tanto no núcleo como nas parroquias.

-Tras unha etapa de inestabilidade no seu partido, parece que con vostede chegou o candidato do consenso... ¿É correcto?

-É unha apreciación correcta. Unha das cuestións fundamentais é que poido aglutinar e xuntar os traballos e esforzos das persoas que teñen un pensamento socialista en Foz, independentemente do partido no que estean desempeñando as súas funcións. É unha demostración máis de que podemos facer unha xestión importante en Foz, de que podemos chegar a acordos.

-¿Vense con posibilidades de recuperar a alcaldía?

-Todo nos apunta a que temos grandes posibilidades de recuperala, pero non é só mérito noso senón demérito do alcalde, pola súa mala xestión. Vemos a posibilidade de gañar polo que observamos no contacto diario cos veciños. Estannos trasladando as gañas de cambio porque precisan que o concello se volva a manter en boas condicións.

-¿E que pasaría si finalmente non se presentara ás eleccións algún partido que si concurriu ás pasadas? ¿Beneficiaría ao PSOE?

-Sería un factor máis a ter en conta, pero nós centrámonos no traballo que estamos facendo. A nosa intención é gañar e, si podemos, gobernar con maioría absoluta e en solitario. A nosa sensibilidade cara ao resto dos partidos non a ten o PP. Nós somos máis abertos.

-¿Como valora unha nova corporación con dezasete edís?

-Para nós o panorama non cambia de forma substancial. Neste sentido, dicir que esperemos que Foz, que aumentou habitantes, o siga facendo e non sexa algo puntual.

-Traballa en Sevilla, pasa as fins de semana en Foz, ¿como compaxina a política, o traballo e a familia?

-Quitando tempo de onde non o hai e traballando máis intensamente. Pero non é o que traballo eu aquí senón o que traballa moita xente que está en Foz. Quítolle tempo á familia, que nestes momentos é comprensiva. Téñolles que agradecer todo o que me están apoiando. Desde a distancia tamén traballamos. Estou conectado e sigo a actualidade con gran interese.

-Se gobernara Foz, ¿cal sería a súa primeira acción?

-O principal proxecto e máis urxente é facer unha limpeza urbana e nas parroquias, nas estradas, cunetas, alumeado, desbroces e un mantemento xeral que non se fixo nestes oito anos. A partir daí temos que traballar para devolverlle á Avenida da Mariña a categoría de avenida principal e a Avenida Álvaro Cunqueiro mantela dun sentido de circulación, pero dirección Ribadeo. E que as cabeceiras das dúas avenidas sigan sendo dun sentido. Comprometido cos valores do PSOE e coa socialdemocracia penso que hai moitos problemas sociais, un déficit de atención social, xente que necesita máis apoios...

-¿Ten a candidatura feita?

-Estamos traballando na súa configuración. Hai postos que temos medio claro e algún que falta por confirmar. De momento non poido avanzar nada.

«O que anuncie megaproxectos para Foz estará faltando á verdade»