«Coa nova tenda aberta en Burela queremos acceder a toda A Mariña»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

ALBERTO LÓPEZ

O local burelense, de 750 metros cadrados, está situado no 172 de Arcadio Pardiñas

27 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende que abreu en 1991 en Lugo, Mercasofá non contaba con tenda propia na Mariña lucense. Ata agora. O pasado novembro, a tenda especializada en sofás, actualmente inmersa na atractiva e intensa temporada de rebaixas, xa fixo acto de presenza na comarca abrindo no 172 da Avenida Arcadio Pardiñas, en Burela.

-Elixiron unha ubicación máis que céntrica, unha zona que ademais é de moito paso, preto do Hospital Público da Mariña.

-Si. Realmente o que queremos é acceder a toda a zona da Mariña. De feito, xa temos clientela de Ribadeo, Viveiro, Ferreira do Valadouro, Mondoñedo, etcétera... E xa se fixo tamén algunha venta para o Occidente de Asturias. Aparte da publicidade feita, Mercasofá é unha marca xa coñecida. Despois da Semana Santa do ano 1991 abríranse nove tendas de golpe e no mesmo día, sete en Galicia e dúas en Asturias. As asturianas pecharon e en Galicia tamén pechou algunha. A nosa é unha semifranquicia, con capital galego cen por cen, con capital lucense concretamente.

-Tamén en Lugo abría Mercasofá alá polo ano 1991?

-Si. A ubicación do local en Lugo cambiouse hai quince anos.

-Pasaron 27 anos ata a presenza directa de Mercasofá na Mariña.

-Circunstancias. A idea segue sendo ampliar e abrir algunha tenda máis pero noutras zonas.

-Como son as instalacións burelenses de Arcadio Pardiñas?

-É un local de dúas plantas que fai esquina, todo exterior, de 750 metros cadrados. É unha tenda especializada en sofás pero temos tamén unha sección de colchonería e de bases de cama. Vendemos sofás en diferentes gamas, prezos e calidades. Temos máis de 60 ou 70 expostos, contando butacas e outros elementos. E hai unha boa gama de colchonería, da marca Pikolín.

-Á hora de mercar un sofá ou un colchón, que busca sobre todo o cliente en Mercasofá?

-A comodidade ante todo. E que as medidas se adapten aos ocos da estancia e o prezo. Ao ser esta unha cadea importante, realizamos compras moi fortes e temos a posibilidade de conseguir moi bos prezos. Tanto o sofá como o colchón son os dous elementos máis importantes da casa, pois son os que sofren máis desgaste.

-A estética e outras melloras, tamén son valoradas polo cliente?

-A nivel de decoración, si que hoxe en día é moi importante coordinar o colorido e adaptar as medidas aos ocos, pero tamén a limpeza. De feito, hai telas de gama alta que se limpan so con auga (cita Aquaclean). O cliente non só se fixa na estética e no tratamento de manchas senón tamén nas calidades interiores.

-Os sofás máis modernos, incluso, son multifuncionais.

-Si. Por exemplo, a maioría dos que vendemos levan relax eléctricos, que aporta un plus de comodidade e de confort. Véndese moito. E a veces o mesmo mando leva conexión USB para cargar o móbil, por exemplo.

-En canto a colchóns é certo que hai cambialos aos dez anos?

-É certo pero é unha media estimada pois dependendo do peso que soporta e do tipo de colchón, a duración é distinta. Dez anos é unha media ponderada do uso habitual dun colchón medio por unha persoa cun peso medio.

-E nunha cama de matrimonio?

-O que empezamos a vender son colchóns xemelgos, facer unha cama de 1,80 metros con elementos de 90 centímetros.

-O sector, como vai actualmente?

-Leva uns anos tocado pola crise como outros sectores. O noso tamén depende da construción. O sector de descanso, tanto sofás como colchóns, vai crecendo a pasos lentos pero vai crecendo.