«Teño glaucoma conxénito. Hai que convivir co que hai pero sonche feliz»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Hai 25 anos que Marco Samuel Pereira motivou toda unha marea solidaria, dentro e fóra da comarca mariñá

24 ene 2019 . Actualizado a las 21:14 h.

Cun glaucoma conxénito, de nacemento, Marco Samuel Pereira era noticia hai 25 anos. É inevitable traer ao presente aquela historia do bebé que nacía practicamente cego en Xove e co que se volcou a cidadanía, axudando a seus pais no custe das operacións para intentar que recuperase visión. Máis dende fai meses tamén é noticia por outras circunstancias, como a de ter recibido o Premio Estudante Galeguista 2018. Onte, ademais, daba unha charla sobre oratoria a alumnado do IES Perdouro na que falou do programa que dirixe en Radio Burela, Grandes voces do noso mundo, dedicado á música e á conversa con grandes artistas. Sés, Luar na Lubre ou Uxía Senlle xa pasaron por ese espazo.

-O programa, a radio en xeneral, que lle aportaron na vida?

-Evidentemente, tróuxome moitas cousas boas, tanto a nivel de oratoria como cultural. Mañá [por hoxe] cumprimos o programa número 115. Comezamos o 22 de xaneiro de 2016. Xa cumprimos tres aniños!

-Como traballa no programa?

-Imprimo os guións en braille, senón non podo locutar. Bueno, podería facelo de memoria. Mentres o meu compañeiro Edilson ten o guión en tinta, eu en braille.

-Creo que a sociedade estase volvendo máis visual que ouvinte, non? Atopa obstáculos nas redes sociais ou ao contrario?

-Hai anos só eran a televisión e a radio. O problema veu cando viñeron as redes sociais. No caso dos cegos ou no meu, que é un caso de baixa visión, contamos cun sistema de voz tanto para ordenador como móbil que xa funciona en todas as plataformas e nos vai dicindo o que aparece na pantalla. Agora o Facebook ten a autodescrición e hai unha opción coa que, cando aparece unha foto, me di: ‘Na imaxe aparecen dúas persoas, entre elas Yolanda, por dicir o teu nome’. Pero non me fai descrición exhaustiva. Instagram tamén o fai, pero non ten implementado o de dicir que persoa é.

-Axudan as novas tecnoloxías?

-Afortunadamente si, aínda que hai cousas que mellorar.

-Que pode lembrar ou que lle contaron de cando se fixo dende Xove a campaña solidaria no 1994?

-Dixéronme que tiña un implante de válvula nos ollos. Chegaron a operarme na Barraquer. Foron varias operacións, sendo a primeira no antigo Xeral en Santiago. Non foi unha época fácil para meus pais, pero algunha lembranza tamén teño, máis con 3 e 4 anos. Algo de visión teño pero o glaucoma é unha enfermidade complexa. Hai que convivir co que hai pero sonche feliz.

-Como acolleu a noticia do Premio Estudante Galeguista?

-Foi outorgado pola Asemblea Nacional Galega, que ten como fin que se use o galego. Vin esa convocatoria e dixen ‘voume meter a ver que pasa’. Foi a primeira edición e fun o primeiro premiado! Entregouse en novembro na facultade onde estudo o primeiro curso. A radio sempre me gustou, dende pequeniño, e gustaríame dedicarme a iso.

-Por que lle deron o premio?

-O premio déronmo pola labor que desempeñamos no programa, de difusión da cultura galega e da diáspora. O noso programa é musical, do ámbito da lusofonía. Estou moi contendo co programa. Tamén se non estivera contento tería un problema (ri).

«A radio sempre me gustou, dende pequeniño, e gustaríame dedicarme a iso»