Alfredo Llano: «No verán temos visitantes asegurados. Falta lograr turismo fluído o resto do ano»

O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña presentará mañá en Madrid o vídeo que divulga os atractivos da comarca


BURELA / LA VOZ

Amosarlle ao mundo a oportunidade de descubrir un xeodestino turístico que é unha comarca enteira. Vencer os localismos e destacar a riqueza de cada municipio son dous dos obxectivos cos que acudirá esta semana á Feria Internacional de Turismo o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña e alcalde de Burela, Alfredo Llano (A Fonsagrada, 1955), que irá acompañado de Tania Hermida, xerente e encargada da promoción turística da comarca. Mañá, ás 18 horas, terá lugar en Madrid, no expositor de Turismo de Galicia, a presentación da campaña de promoción da comarca en Fitur, unha feira que comeza hoxe, que durará ata o 27 e que contará con 886 expositores titulares e máis de 10.487 empresas de 165 países e rexións. Llano, xunto con outros alcaldes e edís de Turismo, reuníronse o luns en Burela para abordar a estratexia de promoción que se fará no certame.

-A Mancomunidade traballou nos últimos meses na preparación dun vídeo e dun logotipo. ¿Presentaranse ambos?

-Mañá será o acto de presentación da nosa comarca e iniciarémolo coa proxección dun vídeo obra de Vagalume Audiovisual duns dous minutos de duración, no que se fai un percorrido polos dezaseis concellos da Mancomunidade, amosando a diversidade que encerra toda a comarca. Despois serán as intervencións; a do presidente da Deputación, a do delegado territorial da Xunta e a miña, en calidade de presidente. O novo logotipo aínda está por ultimar. Non o presentaremos nesta edición. Iremos co eslogan A Mariña, máxica por natureza.

-¿Cales son os principais obxectivos neste 2019?

-Insistiremos en seguir dando a coñecer a comarca como un único destino turístico. No verán temos visitantes asegurados. Falta lograr turismo fluído o resto do ano. Hai que lembrar que en agosto do 2018 A Mariña foi o espazo de Galicia no que máis se incrementou o turismo. Na época estival, o tirón está asegurado, pero creo que temos que conseguir trasladarlle á xente que hai moitas razóns para visitarnos en calquera época do ano. Hai moito por descubrir. Non buscamos un turismo masificado senón controlado, respectando a esencia. Porque ademais dun gran potencial de atractivos de espazos naturais, temos patrimonio, praias, boa gastronomía..., pero tamén a posibilidade de practicar deportes náutico-deportivos todo o ano. Aí está a ola Panchorro e o Illa Pancha Challenge...

-¿A que actos ten previsto acudir en Madrid?

-Mañá (por hoxe, mércores) viaxarei a Madrid para acudir o xoves pola mañá á presentación da promoción da provincia e logo pola tarde, á da Mancomunidade. O venres estarei nos actos do Día de Galicia. Aproveitaremos para facer contactos e xestións con operadores turísticos e para asistir a calquera dos actos nos que se promocione a nosa comarca. Cada concello pode facer a súa promoción, nós tamén destacaremos Expomar e as rutas xeolóxicas, pero nunha feira internacional o máis efectivo é divulgar A Mariña como un destino único no seu conxunto.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Alfredo Llano: «No verán temos visitantes asegurados. Falta lograr turismo fluído o resto do ano»