Outono


No 2017 asistín ó espectáculo Outono da Compañía circense Pista 4. Aquel día cheguei tarde e o Teatro Principal de Santiago estaba cheo ata os topes polo que tiven que sentarme nos asentos de primeira fila que sempre quedan baldeiros. O espectáculo trata sobre unha compañía de pallasos que despois dunha amarga disolución voltan a reatoparse e, na madurez que dan os anos, deciden xuntar de novo o grupo.

O momento da disolución resólveno no espectáculo cunha escena triste onde os pallasos se desmaquillan. A min tocoume diante Pajarito, unha gran actriz galega. Estaba a escasos 3 metros de min e puiden ver con moita sorpresa que mentres se desmaquillaba polas súas fazulas esvaraban tremendas bágoas... Que profesionalidade! pensei fortemente impactado. Cando rematou a función o público ovacionou, aplaudiu e vitoreou en pé. Xireime e recoñecín moitas caras da escena circense e teatral galegas... máis das que soen ser habitual nun palco de butacas. E entre o público vin tamén bágoas e emocións contidas... non entendía nada.

Fai uns días morreu Manu Lago un xove actor galego. Eu non o coñecín pero polas moitas manifestacións de tristura e solidariedade que vin nas redes fun consciente de que morrera un membro importante da familia circense galega.

Souben agora que Manu Lago era un dos actores que vin naquel espectáculo do 2017, souben que xusto naqueles días acababan de diagnosticarlle un cancro, souben que aquela función, que era practicamente unha estrea, era tamén a derradeira porque comezaba o tratamento... e aínda agora mentres escribo, sen coñecelo de nada, véñenseme as bágoas ós ollos.

*Felipe Díaz é contacontos, natural de Viladesuso (Cervo)

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Tags
Comentarios

Outono