Sabela: «Sentinme moi emocionada por todo o apoio e cariño que me mostrou A Mariña»

Lucía Rey
lucía rey VIVEIRO / OUROL / LA VOZ

A MARIÑA

Despois de catro intensos meses na academia de Operación Triunfo, Sabela puido regresar á casa familiar de Bravos, en Ourol, pasar as festas do Nadal

04 ene 2019 . Actualizado a las 08:12 h.

Despois de catro intensos meses na academia de Operación Triunfo, Sabela Ramil Rivera (Ourol, 1993) puido volver á súa casa polo Nadal. Estivo nas Pontes, o municipio onde medrou e se formou musicalmente debido ás circunstancias laborais de seus pais, pero tamén na Coruña, onde traballa e reside habitualmente, e en Viveiro e Ourol, onde ten as súas raíces familiares e numerosos amigos. A cantante, que quedou en cuarta posición no talent show televisivo, pasou a Noiteboa e o día de Nadal coa súa familia na parroquia de Bravos, ademais de parte do día de Ano Novo, como confesou onte con moita emoción seu pai, Pacolo Ramil. Entre medias, tivo que regresar a Barcelona para participar nos dous concertos multitudinarios cos que rematou a xira de Operación Triunfo 2017, e tivo tempo para responder a un breve cuestionario enviado por La Voz.

-Que sentiu ao volver á súa terra, As Pontes, A Mariña, Ourol, Viveiro..., despois de tanto tempo e da experiencia de «OT»?

-Sentinme moi emocionada por todo o apoio e o cariño que me demostraron na Mariña e en todos os lugares.

-Como pasou as festas de Noiteboa e o Nadal?

-Puiden pasala coma todos os anos, coa miña familia.

-Que foi o que máis botou de menos durante o tempo que pasou na academia?

-Sobre todo, ter a autonomía para decidir que facer, e o contacto coa miña parella e coa miña familia; ademais do meu can Lolo...

-A súa axenda bota fume neste momento. Sabe cando poderá volver?

-Cheguei o día 29 de Barcelona, de cantar Somos [a canción en grupo da edición de «OT» 2018] no concerto dos compañeiros do ano pasado, e agora estarei por aquí uns días antes de volver.

-Cales son os seus próximos compromisos profesionais?

-Ata o de agora só tivemos o concerto do Palau Sant Jordi, pero cando pasen estas datas comezaremos a traballar e publicaremos novas actividades.

-Sentiu o cariño do público e da xente que a animou desde fóra ao longo do certame?

-Sentino e sigo a sentilo. Ás veces non sei como dar as grazas por tanto apoio. Espero que a música sexa un bo agradecemento.

-Cal foi o momento máis emotivo do seu paso por «Operación Triunfo»?

-Todo «OT» foi moi emotivo, pero o que máis me emocionaba era ter nesa academia, e fóra polas persoas que ían saíndo, a compañeiros e profesores que me comprendían, e un grupo no que todos nos podiamos apoiar.

Sabela será recibida hoxe en Bravos nun acto organizado polo Concello de Ourol

Para as 20.30 horas desta tarde está previsto que dea comezo o acto de recibimento a Sabela organizado polo Concello de Ourol. Terá lugar no local social de Bravos, a parroquia da que é orixinaria toda a súa familia, e nel haberá algunha sorpresa. «Trátase dunha iniciativa do Concello unida á petición de veciños, amigos... para que Sabela poida, dalgunha maneira, sentir o cariño da xente que a estivo apoiando durante este tempo despois de catro meses sen estar en contacto», sinalou onte o concelleiro de Cultura de Ourol, Francisco Ramil, Pacolo, que á súa vez é o pai da homenaxeada. «É un momento incrible. Sinto un orgullo enorme. Primeiro como pai, e logo como concelleiro de Cultura. É un momento especial», destacou, antes de explicar que, antes da súa entrada na academia de Operación Triunfo, Sabela «viña bastante» por Bravos e por Viveiro. «Agora xa non ten esa dispoñibilidade e queremos que este acto sirva un pouco de reencontro», expuxo.

Aturuxeiros

Colaboran na organización da cita de hoxe a asociación Aturuxeiros de Bravos, da que Sabela é fundadora e directiva, e Espectáculos Seiramar.

Y también...