«Unha xoia é unha dobre inversión porque sempre se revaloriza»

O Coxga leva a cabo a campaña «Este Nadal xoiaría» nunha das épocas máis importantes do ano en regalos


viveiro / la voz

Como presidente fundador do Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia (Coxga), Óscar Rodríguez Blanco, de Óscar Joyeros de Viveiro, afronta o seu segundo mandato, o seu oitavo ano. Nestas liñas fai unha radiografía sobre a situación actual do sector, a súa relevancia, xusto nun dos momentos idóneos para mercar xoiaría e facer o regalo perfecto: o Nadal. «A xoiaría sempre foi un complemento -comeza- e cando falamos de xoiaría falamos de algo tan antigo como a propia humanidade. A xente sempre tendeu a adornarse e a xoiaría sempre foi un prato forte nese aspecto. Loxicamente, en época de regalo nótase máis. O momento actual é ideal para mercar xoiaría, en todos os aspectos, en ouro, en prata, pedras preciosas e semipreciosas e tamén reloxería, que forma tamén unha parte importante do sector».

-Cantos profesionais hai en Galicia dedicados a este sector?

-Entre o Colexio Oficial de Xoiaría e a Federación Galega de Xoieiros aglutinamos agora en torno a catro mil profesionais. Son postos de traballo directos os que hai actualmente na xoiaría de Galicia. A xoiaría é o noso alegre modo de vida. A xoiaría é alegría sempre. Cando che regalan unha xoia, normalmente prodúcese ese efecto reflexo no rostro de quen a recibe. É un momento de alegría e de sorriso.

-Hoxe fálase menos da crise, pero como está a afectar?

-Somos un termómetro bastante eficaz nese aspecto. Cando chegan momentos críticos, o noso sector é dos primeiros en resentirse. Cando vén a recuperación, non somos os primeiros en notala, sabes? Estamos nese momento que parece que si e parece que non arrancamos. Pero tampouco é o momento de dicir ‘xa foi’. Estamos intentando recuperar porque foi moi forte para case todos os sectores. O consumo baixou moito en xeneral.

-A xoiaría é tamén inversión.

-A xoiaría é unha dobre inversión. Por unha banda, estás invertindo en ti mesmo á hora de estar conforme co que levas e hai unha segunda parte, son bens que co tempo se revalorizan. Normalmente, unha peza boa de xoiaría, cando pasa un tempo, sempre adquire valores que son superiores. Aparte do valor sentimental que ten unha xoia.

«Imos superar os dez mil participantes no concurso ‘Deseña unha xoia para túa nai’»

?Ademais da de Nadal, que outras campañas fan ao longo do ano?

?A do Día dos Namorados, tamén en redes sociais e que está tendo moi boa acollida, a través da votación a escaparates. Normalmente os premios son ceas románticas. Despois facemos unha campaña que é unha das máis importantes que fai federación e colexio, que van da man, e é «Deseña unha xoia para túa nai». Foi unha idea espectacular, orixinal, non temos constancia de que se faga algo parecido noutro lado e o ano pasado participaron máis de dez mil nenos. Sempre é en abril. A mecánica vai ser a mesma, van a participar todos os nenos que queiran dende os colexios ou a nivel particular. Calculo que este ano imos superar con creces os dez mil participantes, porque cada ano vai indo a máis.

?Cal é o obxectivo desa campaña infantil estrela do Coxga?

?Foméntase a creatividade nos novos e familiarízanse co mundo da xoiaría. Cada vez son máis os pais e nais que gardan os deseños dos seus fillos e se achegan a un profesional xoieiro a facer a xoia.

?Máis iniciativas do colexio.

?Celebramos a gala de San Eloi na que damos as seguetas de ouro e prata aos profesionais. Tanto a federación como o colexio somos tamén organismos interlocutores coa Administración, sempre estamos evolucionando e mirando como podes levar a túa profesión adiante. Un aspecto que nunca deixamos de lado é que non só miramos pola nosa profesión senón pola rendibilidade que pode sacar o público.

?Sofren tamén o efecto Internet?

?Claro que se sofre. Pero ao mellor quizás o que ten detrás de si unha parte produtiva o note menos. Na comercialización de xoiaría ou alta xoiaría é máis complicado pero na básica, onde funciona moito a compra impulsiva, dos 15 ou 20 euros (dáslle ao clic e punto) quizás estea bastante machacada, como en moitas outras actividades. Hai cousas que o están e outras non. A xoiaría de verdade non vai estar porque cando a xente merca unha xoia busca que teña unha transcendencia e unha filosofía detrás e unha calidade, que so se aprecia cando tes a xoia na man.

«Nós acabamos de incorporar tecnoloxía láser ao taller en Viveiro»

Óscar Joyeros abría en 1985 en Viveiro. O pai de Óscar Rodríguez xa se dedicaba á comercialización de xoiaría dende os anos 60, pero sen tenda física nin produción propia. «A nosa liña de xoiaría, a de autor, é moi creativa ?sinala Rodríguez? e unha porcentaxe elevada vai a galerías de arte, xeneralmente de fóra. O nome xenérico é Óscar Rodríguez e dentro hai dúas coleccións ou tendencias moi claras: «Tesouros do mar» e «Tesouros da terra».

?Invirten en innovación?

?Agora mesmo acabamos de incorporar tecnoloxía láser ao taller. É importante. Danos altas posibilidades, non de creación, senón de elaboración. Permíteche crear certas cousas sen ter ao mellor tantas limitacións.

?Hai máis talleres que incorporasen esa tecnoloxía?

?A nosa é unha xoiaría atípica. Agora mesmo é o taller máis importante de Galicia, no que somos 14 vivindo deste negocio.

O vindeiro día 16 sortearán seis «incribles» pezas de xoiaría

O Coxga está inmerso en plena Campaña de Nadal 2018, a décima, unha das máis importantes do ano, ata o 5 de xaneiro, organizada xunto coa Federación Galega de Xoieiros. Sortearán o vindeiro 16 ante notario «seis incribles pezas de xoiaría». «Fago un convite a que todo o mundo participe na campaña, non so nas tendas cando vaia mercar e cumprimentando uns datos, cos que automaticamente participan no sorteo, senón que tamén se pode participar a través de Internet e das redes sociais e no portal www.coxga.es simplemente con entrar na páxina», suliña Óscar Rodríguez. En torno a máis de 200 tendas están adheridas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«Unha xoia é unha dobre inversión porque sempre se revaloriza»