«O declive demográfico debería ser unha cuestión de Estado e a longo prazo»

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

03 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Mayra García, alcaldesa socialista en Trabada, sabe perfectamente o que supón a demografía nun concello pequeno. Cos seus 30 anos de idade xestiona un municipio de 82 quilómetros cadrados (oito veces máis ca Burela) e 1.121 veciños, catro máis que no ano anterior, rachando así unha tendencia de décadas de baixada de poboación. O dato demográfico é puntual, pero amosa que calquera número positivo nunha provincia como Lugo é destacable.

-A que cre que se pode deber un lixeiro aumento de poboación?

-Son realista. Houbo o asentamento de familias, algunhas delas inmigrantes, que influíu no censo. Iso si, viñeron porque xurdiron unhas oportunidades de traballo. Unha familia era de seis membros e outra de catro, que o que fan é equilibrar a poboación.

-Ofrecen axudas á natalidade.

-Si, e tamén axudas para o material escolar e para o transporte do ensino postobrigatorio, pero ninguén vai ter un fillo por este tipo de axudas. Son importantes, pero non decisivas. Desde que chegamos ao goberno local apostamos por políticas de conciliación, cunha ludoteca polas tardes, campamentos de verán para os nenos, transporte gratuíto unha vez á semana para ir á piscina de Ribadeo... Tiñamos claro que había que manter servizos para favorecer ás persoas que deciden vivir en Trabada. Porque perder os servizos é moi fácil e recuperalos moi difícil. Temos sorte coa dirección e os profesores do colexio, que se involucran cos nenos e as familias.

-Fala de manter servizos, pero os ingresos do Estado e da Xunta priman a poboación.

-Si, por iso na Deputación introducimos un índice de envellecemento e outro de dispersión xeográfica para compensar. Porque o orzamento dun concello comeza cos gastos fixos: alumeado, recollida de lixo, redes de abastecemento... E non é o mesmo o meu concello que, poñamos por caso, Burela, con moita menos superficie.

-E como fan en Trabada?

-Establecendo prioridades. Destinamos 12.000 euros para unha axenda de ocio para todas as idades. Preferimos dar este servizo que amañar un quilómetro de estrada. Ou o transporte das parroquias, que está sendo moi demandado. Ten un custo, pero sacámolo doutro lado. Ademais, se creas servizos foméntase o emprego local e vinculado á xuventude: animadores sociais, monitores deportivos, terapia ocupacional para maiores...

-Será necesaria a inmigración para manter a poboación en Lugo?

-Creo que houbo un cambio social e hoxe ter un traballo xa non é un factor para decidir ter ou non fillos. Necesitamos a inmigración, porque, ademais de achegar nenos, teñen unha cultura do sacrificio e da familia que talvez nós perdemos. Tamén creo que deberán mudar condutas, como o apego que temos en Galicia á propiedade. As vivendas e as parcelas hai que vendelas ou alugalas a quen as precisa... Non hai unha variña máxica que cambie a tendencia demográfica negativa. O que poda facer Trabada non é decisivo. A Xunta pode facer un pouco máis, pero non chega. Ten que evolucionar a sociedade a longo prazo e debería ser unha cuestión de Estado.