Xaime: «¿Ascender a Terceira? Iso falámolo máis adiante»

La Voz VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

O mediocentro do Viveiro xa leva anotados 10 tantos e é o máximo goleador dos equipos mariñáns en Preferente

31 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Con dez goles na súa cuadrícula, catro deles de penalti, Xaime González (Outeiro de Rei, 1989) é o primeiro xogador dun equipo mariñán na listaxe dos goleadores do grupo norte de Preferente.

-Con tan bos dianteiros como teñen o Viveiro, o Ribadeo e o Foz, sorprende ver a Xaime como máximo goleador mariñán.

-Eu son o primeiro sorprendido. Levar 10 goles a estas alturas da competición é unha auténtica animalada para un xogador das miñas características que xoga tan lonxe da área. Débollo ao equipo e ao estilo de Chusky, que nos dá moita liberdade. O meu teito son os 16 goles que marquei co Outeiro de Rei en Preferente.

-¿É máis inesperado o segundo posto do Viveiro?

-Por suposto que non. Vai máis de media liga e si estamos aí arriba é porque algo estamos facendo ben. A nosa situación é froito do traballo e do compromiso de todos os futbolistas e do corpo técnico. Talento e compromiso, este ano temos a mestura perfecta para aspirar a metas moi ambiciosas.

-¿Son ou non candidatos ao ascenso a Terceira?

-Iso mellor falámolo máis adiante. Se a mediados de febreiro seguimos arriba entón si que poderemos pensar nesa meta. Facelo agora conlevaría unha presión añadida.

-Entón xa non lle pregunto se poden cazar ao As Pontes.

-Eu confío. Creo que vai ter un baixón, como lle pasou a tempada pasada ao Paiosaco, que parecía ascendido a principios da primeira volta e logo sufriu.

-Noia, Sarriana e Arzúa. A estas alturas parecen os máximos rivais do Viveiro. ¿Cal lle parece o máis forte?

-O Noia, sen ningunha dúbida. Creo ademais que ten a mellor plantilla de todo o grupo norte de Preferente.