Mondoñedo inaugurará o 12 de xaneiro un monolito de homenaxe a todas as vítimas do franquismo

La Voz MONDOÑEDO / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

27 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O vindeiro 12 de xaneiro Mondoñedo será escenario dunha homenaxe a Siervo González Rivas, Graciano Paz Amieiro e Manuel Rodríguez Núñez, asasinados «por un piequete de gardas civís e miliacinos fascistas o 11 de xaneiro de 1938», segundo explican os promotores do acto, que partiu dunha iniciativa veciñal apoiada por todos os grupos políticos que forman parte da corporación municipal. «Estamos a facer xustiza con estes veciños asasinados e no seu nome a todas aquelas persoas que no noso concello sufriron a represión por ser demócratas e persoas de ben», señalaron. Os actos darán comezo ás 12.00 horas no parque a carón do cemiterio vello, preto de onde foron asasinados. Nel participarán o cronista oficial de Mondoñedo, Antonio Reigosa; un neto de Siervo González, Pedro González; un de Graciano Paz, Graciano Pardo; e un sobriño neto de Manuel Rodríguez, Xusto Lage; ademais dos portavoces municipais de PP, PSOE e BNG. Ese acto concluirá coa inauguración dun monolito sufragado polo Concello. A homenaxe continuará ás 13.15 horas na Casa da Xuventude cunha mesa redonda sobre os homenaxeados, que eran directivos da Sociedade Obreiros Católicos, activistas da CNT e militantes da Unión Socialista Galega.