'Hai xente nova que se suma ao mantemento do oficio do ferreiro'

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA A PONTENOVA/LA VOZ

A MARIÑA

PACO RODRÍGUEZ

Hoxe presenta o libro «A idade de ferro» na Fonsagrada e mañá en Vegadeo

28 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

En Taramundi hai uns quince días, por primeira vez. A segunda, hoxe en A Fonsagrada (18.30, Centro Comarcal). E a terceira, en Vegadeo mañá (20.00, Auditorio Félix Menéndez). Polo de agora este é o percorrido trazado polo xornalista e fotógrafo coruñés José M. Salgado co seu libro, da Editorial Canela, A idade do ferro. Contén 181 imaxes súas, así como textos tamén escritos por el e por Luis Celeiro, xornalista, Clodio González, investigador e membro do Museo do Pobo Galego, e Juaco López, director do Muséu del Pueblu d’Asturies. Publícase en galego e está traducido ao castelán e ao inglés.

?Quedará algunha presentación máis despois da de Vegadeo?

?Seguramente faremos unha en Riotorto, na Feira do Ferro.

?Canto tempo lle levou este traballo centrado nos ferreiros?

?Catro anos de investigación, de ir pouco a pouco... Cando fas algo así, sabes cando empezas pero non sabes cando lle pos fin.

?Só investigou aos ferreiros?

?Aparecen tamén carboeiros (incluso algunha muller), pero o libro está centrado nos ferreiros.

?Atopou algunha ferreira?

?Si, hai unha muller en A Fonsagrada que antes de casar foi ferreira nos anos 30. Tamén unha xaponesa que está nos Oscos... Tamén atopei un ferreiro austríaco, outro de Valladolid e outro de Madrid, pois hai xente nova que se suma ao mantemento do oficio. Pero nestes catro anos houbo ferreiros que foron morrendo.

?O de ferreiro é deses oficios «en perigo de extinción»?

?Non, tanto como dicir en perigo de extinción, non. Evidentemente non é como hai 20 ou 30 anos. Pero si hai certo recambio, xente que está facendo as cousas doutra maneira, certa renovación e creo que noutro tipo de artesáns non pasa iso.

?Cantos ferreiros aparecen no libro da Mariña e Occidente astur?

?No libro hai 70 persoas polo menos. Poucas quedaron fóra. Algún non quixo saír pero foron moi pouquiños. Están practicamente todos. A idea era tratar de reflectir o momento actual. Os ferreiros están, na provincia de Lugo, particularmente no leste, e no Occidente asturiano. Nesa zona dáse como unha gran comunidade, practicamente todos os que están aquí representados. É unha especie de comunidade homoxénea. Está concentrado nesa zona porque hai un por qué. É unha zona onde houbo moitos mazos e ferrerías.

«Todo pasa por certa reconversión dos produtos e saber venderse»

A idade do ferro é un fotoensaio que pretende dar a coñecer a cultura do ferro, fundamentalmente na zona do noroeste peninsular, dentro das reservas da Biosfera Terras do Miño, Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá e Río Eo, Oscos e Terras de Burón. A idade de ferro tamén chegara xa en formato exposición ao Museo do Pobo Galego en Santiago e outra que comisariou el, da que realizou fotografías, fora Cos pés na terra, sobre os zoqueiros lucenses.

?Por onde cre que pasará o futuro do ferreiro e vendo os tempos que corren actualmente?

?Algúns están utilizando, sobre todo a xente máis nova, Internet con certa intelixencia. Todo pasa, penso, por unha certa reconversión dos produtos e por saber venderse doutra maneira. Creo que hai que aproveitar Internet tanto para a venda como para a difusión. Tamén coñezo xente nova que en coitelería estálle indo moi ben. Venden para o estranxeiro incluso, porque hai algunha xente que colecciona destas cousas. Hai futuro, penso.