Juan José, a derradeira singradura

Vicente Míguez, Seminario de Estudos Terra de Viveiro SEMINARIO DE ESTUDOS TERRA DE VIVEIRO

A MARIÑA

13 dic 2018 . Actualizado a las 18:34 h.

Como case todos os mariñeiros da primeira metade do século XX, a Juan José Palmeiro Fernández déronlle a cédula de navegación (15 de Abril de 1946, con doce anos e tres meses) cando xa levaba días de mar abondo para pasar de boteiro a cho.

«-Andábamos ao bou, cun bote faenando dentro da ría, de inverno. En Celeiro había dous, tiña un meu tío Ché e outro meu pai; de Viveiro había moitos, e de Covas tamén. Cando facía mal tempo collías de todo: centolo, camarón, barbadas, moitas fanecas... Un ano fumos en Esteiro ao pato, patexo pa abonar as terras. Iba con meu pai e tres homes máis, era eu un cativo, tería seis, sete, ou oito anos… meu pai tiña o bou, pero o bote, o San José, deixáballo meu tío. Acórdome que dunha vez fumos largar á Pedra de Quince, unha pedra que hai na praia de Area entre o Becerro e a Ínsua de Area. Cando metimos as pernas do bou abordo, empezou a copada de fanecas: en dúas largadas cargamos o bote hasta os bancos, uns dous mil quilos de peixe!»

Unha vida laboral con embarques de mariñeiro nos pesqueiros Ramón Dolores, Virgen de Arritoquieta, Manuel Luisa, José Luis Sisa, Solabarrieta, Marzo, Panadera, Aranzamendi, Acacio Vale, Playa de Aritxatxu e Flecha; logo, de segundo ou de patrón no Lorenzo y María, Ruta de Lourdes, Playa de Cillero, Franper, e Ermita de San Roque. Moito mar, nunha estirpe de pescadores, a familia dos Larelos. E moita paciencia para explicarme as artes, os caladoiros, costeiras…

«-Pero home, tú fuches ao mar a pescar ou a preguntar?!

-Que é o raiadoiro, Juan José?

-Onde raias o peixe, no último do aparello: levantas, vas metendo abordo, e cando tén a malla máis pequerrechiña pa que non se cole o peixe, ese é o raiadoiro…»

Agora, Juan José, a sotavento do tempo e do temporal, recalaches en Porto Seguro, descansas en paz, home de mar e de ben.