Alén dos dous ceos

Estíbaliz Veiga ARRIBA O PANO!

A MARIÑA

13 dic 2018 . Actualizado a las 18:33 h.

De nena, nesta sociedade, non che ensinan a asumir e aceptar a morte. Noutras relixións cantan e danzan, nós escapamos á Santa Compaña, contratamos choradeiras e, no mellor dos casos, regalamos bolos de pan aos veciños. Como ía eu estar preparada?

En España, sobre un millón e medio de individuos experimentan a perda dun ser querido ao ano. Proceso doloroso, que pode levar á crise existencial.

Aproximadamente entre un 10 e un 20 % experimentan un duelo complicado ou patolóxico. Isto perturba o funcionamento normal da súa vida e aparecen trastornos de conduta, cognitivos e afectivos.

Os sentimentos típicos tratados polos psicólogos e psicoterapeutas especializados inclúen tristeza, ansiedade, ira, culpa, asolamento ou confusión.

Hai dous anos que a persoa máis importante para min deixaba de ser para estar permanentemente nos meus pensamentos. Alén dos ceos, ao erguerme, ao deitarme, no coche, nos éxitos, nas penas. En todas as penas, porque a maior das penas foi saber que, cando menos nesta vida, non o volvería abrazar.

Dous anos, dinche bos psicólogos. Eu digo dúas eternidades. Dous ceos.

O duelo é de cadaquén, de quen o vive. Non hai matemática para aprender a convivir coa ausencia. Sempre que baixo a Maradona por Vilamar a cor verde de Cornería, o cheiro a castañas asadas, o fume que sae polas chemineas, o frescor da néboa, o Masma cor chumbo, todo é el. Lugares comúns que nos unen aos que somos deste punto do mundo, a vista dos ollos dos que agora poden ver dende moito máis arriba. Esas vistas que teñen a nosa alma «arriba» son o impulso para seguir sendo e para estar sempre con eles.

*Estíbaliz Veiga é actriz