«Cervo foi un foco de entrada da vespa velutina no ano 2012»

Lucía Rey
lucía rey VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

O investigador asegura que vai «cambiar a nosa relación co ecosistema»

01 dic 2018 . Actualizado a las 16:19 h.

A vespa asiática chegou a Galicia para asentarse no noso hábitat e é imprescindible que as administracións destinen medios á súa investigación para que as consecuencias non sexan catastróficas. Esa foi unha das ideas que trasladou o investigador do Campus Terra e membro da Academia de Ciencias Veterinarias Xesús Feás Sánchez (Santiago de Compostela, 1977), durante a charla promovida pola Deputación de Lugo en Viveiro baixo o título «Vespa velutina: un depredador exótico en Galicia. Que nos depara o futuro?». O especialista, autor da páxina https://www.vespavelutina.co.uk/, tamén tratou de nutrirse das experiencias, as preocupacións e as dúbidas do público.

-Cal foi orixe da praga?

-Á velutina gústalle transportarse de polizona, e a zona de Cervo foi un foco de entrada no 2012 polo norte, pode ser que por algún transporte de madeira. Polo sur houbo outro, na zona do Rosal, cerca de Portugal, onde parece ser que entrou vía marítima por un barco de carballo francés. E en apenas catro anos destruíronse máis de dez mil niños, segundo datos oficiais da Administración; e seguramente eses datos son maiores porque organizacións de apicultores, particulares e empresas privadas tamén retiraron niños. E temos que pensar nos que non se detectan e non se retiran, polo que eses dez mil son só a punta do iceberg.

-Haise que acostumar a convivir coa velutina ou aínda se está a tempo de erradicala?

-Polo seu comportamento, o seu ciclo biolóxico e a súa adaptabilidade vai ser moi difícil erradicala. Pensemos noutras especies invasoras que sen ser insectos son moi difíciles de erradicar, como o cangrexo americano.

-Se non vai desaparecer, hai algunha solución?

-Os investigadores estamos sen recursos, non temos medios económicos nin materiais e a investigación sobre esta vespa non se pode facer a custe cero. A velutina vai cambiar a nosa relación co ecosistema e os nosos hábitos. Estámolo vendo, está morrendo xente; este ano en Galicia, tres persoas. E unha actividade fundamental para o medioambiente, como é a apicultura, está sendo diana dos seus ataques. Pero tamén afecta a outras actividades económicas como a viticultura, como a silvicultura... E a súa presenza nas cidades tamén está afectando. O ano pasado en Santiago máis da metade das 2.950 actuacións dos bombeiros tiveron relación coa vespa velutina. Quen o imaxinaría hai tres anos! A secuenciación do seu xenoma, na que colaboramos activamente, vai abrir unha porta moi importante ao dar moitas opcións, moito coñecemento, pero son escéptico na posibilidade de erradicación porque a práctica demóstranos que se está expandindo de xeito imparable.

-Que opina do trampeo?

-É controvertido porque ten que ser selectivo, esixente, científico..., non masivo. Temos que estudar, recoller moitos datos. Eu non lle podo dicir á xente ou aos apicultores que non fagan trampeo, o que podo é acompañar e indicar os puntos que deben ser trampeados, que trampa utilizar, que líquido empregar, e o máis importante, ao final do trampeo, recoller eses datos, contabilizar os insectos, e despois facer unha análise en relación aos niños e á produción apícola para non desbotar un traballo grande, senón sacarlle todo o partido.

-Hai que ter coidado, logo...

-Si porque hai quen di que é entomólogo e non o é, e está creando moita problemática incitando a que os nenos trampeen, a que os apicultores fagan troianos, e mesmo dando indicacións relacionadas coa saúde sen ter preparación nin formación académica relacionada coa área sanitaria.

-Din que O Valadouro está case libre de velutina...

-O Concello convidoume a un encontro onde presentaron mapas relativos á diminución dos niños, pero hai que esperar á finalización do ano porque moita folla vai caer e vanse facer visibles moitos. Sei que fixeron trampeo, pero tampouco teño datos, e abrín a porta a un acompañamento científico recollendo datos, evaluándoos, facendo estatística... e sobre todo que non sexa unha actividade ocasional senón continua.

«Fáltannos os medios económicos e materiais que necesitamos para investigar un tema que é importante para a sociedade»

«Abrín a porta a facer un acompañamento científico de cara ao ano que vén no Valadouro, onde din que están case libres de velutina»