«Xuntamos 150 músicos en Burela»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

Pepa Losada

Trece grupos darán vida a un novo e intenso Día da Música este sábado

23 nov 2018 . Actualizado a las 17:18 h.

Arredor de 150 músicos darán vida a unha nova edición do chamado Día da Música, mañá na antiga Praza de Abastos de Burela, baixo a organización da Banda de Gaitas e A. C. M. Dambara, que preside Albano González, aínda que prefire a definición de «membro da directiva».

-Vaia cartel!

-Facemos como podemos e non como queremos.

-Pois a festa pinta máis que guapa esta fin de semana...

-Si, pero sempre estaría mellor ter máis grupos e facelo máis días. Desta vez van 13 grupos. Músicos son sobre 150, porque hai cuartetos pero tamén bandas moi grandes. A maioría é xente da Mariña pero tamén de Lugo e de Asturias. Non vén ningún de Francia [sorrí], porque Forget la France son de Lugo, de Outeiro de Rei.

-Cal e a filosofía deste Día da Música en Burela?

-Do que partimos é de aglutinar as distintas vertentes da música, desde a tradición ata a música de banda, a coral, africana, pop... Quixemos xusto iso, romper coa dinámica que hai en moitos sitos onde tamén se celebra santa Icía pero é ou cunha banda ou cunha orquestra ou cunha coral. Aquí queremos a dignificación da música tradicional e poñela ao nivel dunha orquestra sinfónica, banda ou coral. Todos os músicos son igual de importantes, ao igual que todas as vertentes da música, repito. Queremos ademais poñer en comunicación os diferentes tipos de facer música.

-E conseguen, así, toda unha festa maiúscula.

-Tamén ten de seu esta festa, que é algo tamén orixinal, que axudamos no tema festivo e gastronómico. Por exemplo, os trece grupos que veñen tocan dende a unha e media do mediodía ata altas horas da noite, na foliada libre. Hai uns tíckets á venda para xantar e cear alí e con eles dámoslle importancia a que haxa comunicación entre os músicos e o público en xeneral asista ao evento. Tamén é unha forma de desinstitucionalizar o ámbito musical, facelo máis comunicativo. Teño que indicar que veñen de xeito desinteresado case todos eles, como froito de intercambio coas nosas dúas bandas. Ás veces teñen que tocar aquí e nós devolvémoslles a actuación.

-En especies.

-Si, troco musical. O Día da Música está organizado por Dambara, pero patrocina o Concello de Burela. Colaboran Gadis, Eroski, Panadaría Os Ancares, Pablo Penas, Absa, Carnicerías Rufino e O Farruquiño, Distribuciones Carreiras e Pulpería Chelo.

-As citas gastronómicas, a que hora van ser?

-O xantar vai ser ás 14.30 e a cea ás 21.00 horas. Xa máis de cen persoas retiraron os seus tíckets [á venda ao prezo de 15 para adultos e de 10 para menores de 10 anos]. O ano pasado demos de comer e de cear a más de 400 persoas.

-Canto tempo de vida ten xa Dambara?

-Pois a primeira banda naceu en 1999 e tocou por primeira vez no 2000, aínda que a asociación coido que foi no 2005.

-Neste 2019 cumpriranse 20 anos do nacemento, logo.

-Si, no 2019 sería o vixésimo aniversario. Irá roldando xa na cabeza facer algo polo aniversario. A banda de orixe non ten que ver co que facemos agora. Actualmente hai uns 80 socios e estúdase o instrumento que se quere. Hai en total cinco profesores. Co tempo intentamos mellorar.