En Marea pide xa ao Goberno que habilite axudas e declare a zona «afectada grave de emerxencia»

La Voz VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Fernán Vello diríxese ao Goberno para trasladarlle a indignación e o malestar da veciñanza da vila da Mariña

21 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O deputado lucense de En Marea Miguel Anxo Fernán Vello pide no Congreso ao Goberno que habilite axudas aos afectados polas riadas en Viveiro canto antes e que contemple a posibilidade de declaración «de zona afectada gravemente por unha emerxencia».

Indignación: «Hai sancións?»

Fernán Vello diríxese ao Goberno para trasladarlle a indignación e o malestar da veciñanza da vila da Mariña porque aseguran que «levan anos denunciando ante o Seprona e a Xunta a situación do río Xunqueira. Pode explicar desde cando constan estas denuncias? Como se explica que non fosen atendidas? Por que non se activaron medidas? Que investigación fixo o Seprona sobre este tema? Houbo sancións?», pregunta, lembrando que ademais morreu unha muller a consecuencia da riada.

Axudas canto antes

O deputado lucense pon a énfase «na necesidade de habilitar axudas aos afectados canto antes». Neste sentido, e a falta de facer o balance de danos, Fernán Vello pide ao Executivo «que contemple a posibilidade de iniciar o procedemento de declaración de zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil, en consonancia co recollido na Lei 17/2015, de 9 de xullo, do Sistema Nacional de Protección Civil. Vai aprobar unha liña de axudas económicas, medidas fiscais de exención tributaria e medidas laborais e de Seguridade Social?», pregunta Miguel Anxo Fernán Vello, pedindo que sexa «canto antes».