A voz poética de Luz Pozo resoará con máis forza en Viveiro

Carlos Nuevo Cal CRONISTA OFICIAL DE VIVEIRO

A MARIÑA

PEPA LOSADA

30 nov 2018 . Actualizado a las 14:35 h.

Hoxe, sen dúbida, é un día fondamente significativo para Viveiro, pois ao recoñecer a figura e obra de Luz Pozo Garza, coa concesión do título de filla adoptiva da localidade, o Concello, máximo representante institucional da cidadanía viveiresa está levando a cabo un acto de xustiza social que o honra en grado sumo. Ao recoller agarimosamente a iniciativa persoal dunha familia amiga da homenaxeada, proposta que tamén foi secundada con gran entusiasmo por todo o tecido socio cultural e político local, estamos situando a Luz á altura do escolleito grupo de persoeiros imprescindibles dentro do concerto cívico e cultural viveirés, con figuras tan prominentes como Pastor Díaz, os irmáns Villar Ponte, Lois Tobío, Noriega Varela, Carlos Oroza, Maruja Mallo ou Gustavo Pernas, gran amigo, actor e dramaturgo falecido recentemente.

Estamos certos que en adiante, a voz poética de Luz resoará aínda con mais forza, se cabe, nas casas, nas rúas, nas prazas, nas alamedas, nos paseos, nos colexios, nos institutos e nos centros culturais desta vila histórica, chamada Viveiro. Si, meus amigos e amigas, Luz Pozo Garza xa forma parte, en vida, desa pléiade de cidadáns exemplares que serven de faro e referencia permanente, grazas a súa dignidade, entrega desinteresada, e méritos persoais a prol da cultura galega.

Certamente, falar de Luz Pozo Garza, unha das voces poéticas femininas máis poliédricas que deu a Galicia contemporánea, semella labor altamente complicado tendo presente o altísimo nivel literario e a fondura da súa abondosa obra que supera amplamente os máis de trinta volumes publicados, ademais de diferentes artigos de crítica literaria, ensaios, contos, pregóns... Por todo isto, tan só imos dar unhas lenes pinceladas sobre a homenaxeada e os seus anos iniciáticos ou de formación en Viveiro, cidade dende a que logrou proxectar a súa luz, en tempos escuros, cara aos grandes mares da cultura universal.

A CHEGADA Á CIDADE DO LANDRO: PRIMEIRA ESTADÍA (1930-36)

Luz Pozo (Ribadeo, 1922), chegou a Viveiro con tan só sete anos, coincidindo co traslado do seu pai Gonzalo Pozo Pozo para facerse cargo da praza de inspector veterinario do Concello. Luz, coa súa sensible alma poética contounos no seu pregón da Semana Santa de 2012, como entrara por vez primeira na nosa localidade:

“Cheguei a Viveiro aos sete anos./ Voaban gaivotas no porto/ Entrei pola porta grande de Carlos V/ que eu nunca vira outra igual…/ nin a ponte, Nin o río, Nin a mar a mar…//

O acceso á vila centenaria a través do umbral da porta plateresca ficou marcado para sempre, nos meandros da memoria da nosa protagonista que imaxinou penetrar nun castelo encantado, deixando atrás os ledos tempos do Ribadeo natal, o seu particular paraíso perdido, en clave rilkiana.

Grazas, ao amigo Francisco Leal Insua coñecemos o seguinte texto escrito pola man da propia Luz, en 1945, texto que permaneceu inédito até este momento e que, debido ao seu interese, consideramos oportuno reproducilo parcialmente por falarnos destes anos iniciáticos viveireses:

“(…) en Viveiro hice mis primeros pinitos literarios; fábulas, romances, cantares, etc. que conservé en libretas como si se tratase de una joya de inestimable valor. También escribí cuentos de hadas y bandidos. En esta época, mi pobre hermano (q.e.p.d.) (Refírese a Gonzalo Pozo Garza, ferido na guerra civil e morto con 20 anos no Hospital de Jaca-Huesca) cuatro años mayor que yo, estudiaba el Bachillerato y sus libros, la Hª Universal y el Latín, desaparecían con frecuencia de los estantes, y me causaba verdadero dolor separarme de ellos. Aprendía de memoria el nombre de las siete pléyades, el de los sabios de Grecia, el nombre griego y latino de los dioses del Olimpo. Y Grecia, Roma y Egipto me trastornaban y no daba abasto a leer cuanto de dichos países tratara. Desde los siete años comencé a estudiar el piano y violín, decían mis profesores que era grande mi disposición y aunque me gustó siempre la música, hasta el extremo de continuar aún hoy, ya casada, las clases nunca he estudiado con interés el piano.

A los doce o trece años empecé el Bachillerato, distinguiéndome siempre en la sección de letras”.

Pese ao seu declarado amor polas Letras, especialmente o latín (recitaba de memoria a Virxilio e Ovidio), tamén debemos apuntar o gusto que tivo sempre Luz polas Ciencias Naturais, a Física e Química e o harmónico cosmos. Gustos que se reflectirán ao longo dos anos tanto na súa obra como na súa propia vida persoal plena de vitalismo e de emoción panteística pola natureza.

En Viveiro, o seu pai Gonzalo, seguindo a estela da nacente república democrática proclamada o 14 de abril de 1931, sería co fundador, en 1932, do emerxente Partido Republicano Radical Socialista, dirixido polo profesor da escola de veterinaria de León, Félix Gordón Ordax e presidido polo vista de aduanas da localidade Luís Sánchez Mendezona. A partir de 1934, ambos os dous, xunto con outros correlixionarios pasarían a constituír o grupo de Unión Republicana no que permaneceron até o golpe militar de 1936.

O RETORNO DE LARACHE A VIVEIRO (1940-1964)

PRIMEIROS POEMAS (1940-1948)

En 1940 tornan a Viveiro para reincorporarse o pai ao cargo de inspector veterinario, logo de conseguir superar o expediente depurativo. Os anos seguintes son moi importantes na biografía da nosa protagonista. Así, en 1942 Dionisio Gamallo Fierros fixo a ´presentación literaria de Luz Pozo Garza no semanario las “Riberas del Eo”, onde, a autora, xa tiña publicado en 1937 o seu primeiro poema intitulado “Romance de la Blanca Merceditas”, dedicado a súa amiga Mercedes Llamas Ferreiro. Compre clarexar que Gamallo Fierros foi sempre o seu grande mentor nestes anos xuvenís, animándoa constantemente e facéndose eco na prensa escrita dos seus versos adolescentes. Estes poemas compostos en Viveiro publicábanse maioritariamente na prensa ribadense, baixo títulos tan suxestivos como “Savia Humana”, “A D. Ramón del Valle Inclán” ou “Canción Vedada”.

Daquela matriculouse na Academia Hispania para continuar os estudos de bacharelato, Na academia dirixida por Pepe Casariego, tamén impartían clase Noriega Varela, profesor de latín, Ramón Villar Ponte, que non chegou a darlle clase e Francisco Vázquez Ramudo, o seu profesor de matemáticas e física e química, co que casaría pouco tempo despois.

A PUBLICACIÓN DE ÁNFORA (1949)

Porén, a primeira obra de grande importancia poética publicada por Luz Pozo Garza foi “Ánfora”. Tratábase dunha publicación de autor, escrita en castelán e editada en 1949, na imprenta Varela de Vigo, baixo o coidado do poeta Moreiras. “Ánfora” tivo axiña unha grande acollida literaria, en especial a partir do momento no que foi louvada xenerosamente polo poeta da xeración do 27, Gerardo Diego que lle dedicou un destacadísimo artigo no xornal ABC de Madrid, o 25 de novembro de 1950.

Despois de que Luz Pozo aprobara Adxudantías e as oposicións a Cátedras de Bacharelato, a familia Vázquez Pozo deixou Viveiro, en 1964, ficando unicamente dona Luz no piso familiar. En adiante, a nosa homenaxeada residirá en Badaxoz, Corcubión, Vigo e a Coruña, onde acadará os maiores éxitos como escritora, ensaísta e poeta, evolucionando nos anos setenta cara a unha maior preocupación pola ética e a estética social, así como polos movementos de renovación dos anos oitenta. Con obras tan destacadas como Concerto de Outono, Códice Calixtino, Prometo a Flor de Loto, Vida secreta de Rosalía, Medea en Corinto, As arpas de Iwerddon, Memoria Solar, Deter o día coa flor ou Sol de Medianoche.

Recordas, Luz… “Naquela cidade / onde unha rapaza escribía un diario / na noite / mentres o soño desvalido semellaba finxir / silencios compartidos / nesa vella cidade do norte / o primeiro poema de amor fluctuaba …” Viveiro tamén é a túa cidade, Luz… Moitas grazas por ser como eres e noraboa por poder contar contigo, sempre, como unha viveiresa máis.