«Imos marcha atrás na educación dos nenos sobre o consumo de peixe»

Miguel Mosteiro é xefe de cociña de IN9 Eventos que imparte os obradoiros de cociña do GALP na Mariña


burela / la voz

A Mariña é lugar de mar. E de boa cociña dos seus produtos, tanto na hostalería como no ámbito doméstico. Pero a veces, na casa, limitámonos á hora de cociñar peixes ou mariscos, que se traduce en menor consumo dos mesmos. Por iso non estrana o rotundo éxito que están a ter os obradoiros do GALP A Mariña-Ortegal na zona e que pasaron xa por Burela, Foz, Celeiro, San Cibrao, Xove e O Vicedo e prazas cubertas ao cen por cen. Miguel Mosteiro ensina técnicas de corte, desespiñado e cociñado para que ningún peixe ou marisco se nos resista ante os fogóns.

-Suponse que ao vivir en costa teriamos que estar máis familiarizados coa manipulación e elaboración de produtos do mar?

-Hoxe en día, co tipo de vida que levamos, cociñamos cada vez menos nas casas e tiramos de comida preelaborada ou prefabricada; moita xente xa non vai ás prazas de abastos, sórtese dos supermercados, aínda que é verdade que estes son actualmente case prazas de abastos porque teñen produto de cercanía e o teñen etiquetado. Nestes obradoiros falamos de etiquetado, produto de cercanía e local e tamén do que resta consumo de peixe, como esas alarmas, e refírome por exemplo ao tema do anisakis. Esta é máis unha alarma social que un problema, porque o anisakis existiu toda a vida. Para evitalo so hai que ter unha serie de coidados, como se fixo toda a vida: cociñar o peixe a máis de 80 graos e máis de cinco minutos ou telo previamente no conxelador do domicilio entre tres e catro días. Así non temos problemas. En todas as elaboracións tradicionais en Galicia se respecta iso.

-Que público vai aos obradoiros?

-A porcentaxe maior é feminina pero tamén veñen homes adultos e novos. E nas mulleres tamén hai diferentes rangos de idade.

-En moitas casas a cociña segue a ser tarefa da avoa ou da nai.

-Ese é o problema. Cando cociña mamá ou a avoa moi ben, pero cando temos que cociñar nós non temos tempo ou non facemos, coma elas, cociña a lume lento.

-Vivimos na sociedade do «xa!».

-Si, hoxe queremos todo inmediatamente. Nas cociñas profesionais utilízase a cocción a baixa temperatura, na que aportas máis calor durante máis tempo. As nosas avoas empezaban o cocido ás sete da mañá para comer ás dúas do mediodía. E a base da cociña moderna é a tradicional.

-Como ve o consumo de peixe na nosa poboación infantil hoxe?

-Creo que somos máis nós os que polo medo que temos ás espiñas xa non lles damos tanto peixe fresco coma antes ou, no seu lugar, damos peixes preelaborados. Penso que imos marcha atrás na educación dos nenos sobre consumo de peixe. É moi sinxelo desespiñar o peixe (incluso cunha pinza). Pero tamén hai que ensinarlles a que se a notan na boca a quiten. Así é tamén a forma de quitarlle de paso o medo aos pais. Hoxe en día temos a facilidade de que as peixeiras nos limpan o peixe e fan o corte que pidamos, aínda que algunhas espiñas non as sacan.

a imaxe

Mosteiro deu o sábado os obradoiros de Burela, no local social das Amas de Casa Praia da Marosa, e de Foz, no local da Asociación de Veciños de Marzán

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«Imos marcha atrás na educación dos nenos sobre o consumo de peixe»