«No Vicedo investimos moito en aforro enerxético»

En xaneiro do 2019 cumprirá 18 anos á fronte da alcaldía, etapa da que fai un balance positivo


o vicedo / la voz

Hai case 18 anos, Jesús Novo (Estaca de Bares, 1959) iniciaba unha nova etapa na súa vida poñéndose á fronte da alcaldía do Concello do Vicedo. O seu pasado como alcalde suma xa eses case vinte anos pero sobre o futuro non ofrece aínda demasiados datos concretos. «Politicamente, unha das cousas que me gustou sempre foi debater as cousas e os problemas cos compañeiros. Todos os meses temos reunións do comité local e, de momento, en canto a volver a presentarme nas próximas eleccións, aínda non teño nada decidido».

-Cal sería o balance que fai agora, mirando 18 anos atrás.

-En 18 anos vés de todo e pasas por todo, como alcalde.

-Chega a queimar o cargo e a responsabilidade asociada?

-Si, queima. Pero tes que ir facendo cousas, aínda que a maioría das veces máis despacio do que un pretende. Se hai algo que me enfada é a burocracia que está creada arredor. Se habiamos de pretender facilitar o achegamento da Administración ao cidadán. A veces parece que se fai ao revés. Por exemplo, para min é incomprensible (e dígoo sempre nas reunións políticas que temos) que para tapar un simple furado nunha estrada hai que pedir autorización a Augas, Carreteras, o POL... a ‘25’ organismos! Como alcalde eu teño previsto ao longo do ano unhas obras, pero non podes facer o proxecto antes de que saia a subvención. Algún proxecto teño gardado, pero necesito saber a cantidade. E dende que sae a subvención, tes un mes de prazo para pedir e resulta imposible conseguir as autorizacións pertinentes. Algunhas non as dan en menos de dous ou tres meses, co cal esa obra xa tes que sacala. É un freo total.

-Se tivese que citar algunha actuación da que estivese «orgulloso» de ter conseguido...

-Son varios os proxectos. Creo que os máis importantes son os de accesos. Pero tamén estou orgulloso de que no noso concello o alumeado público sáenos a 50 e pouco euros o consumo por veciños. Temos 1.100 bombillas e non apagamos as luces, como fan noutros concellos. Creo que o aforro enerxético non consiste en apagar bombillas. Imaxina o exemplo dunha vivenda na que o veciño marchou para Viveiro e vén todos os días á súa casa no Vicedo mirar das vacas. Se non lle das luz, facilitas tamén que un ladrón vaia alí. Por iso, tamén por seguridade, investimos moito en aforro enerxético. A herdanza para quen veña detrás, está aí. Aparte do aforro, co que subiu hoxe a luz, supón menos contaminación e colaboras co medioambiente, que é importantísimo. Tivemos un récord, de pagar 13 ou 14 millóns das antigas pesetas. Agora estamos pagando sempre menos de 70.000 euros. Tamén do Centro de Día estamos orgullosos de facelo.

-Esa actuación ten moi en conta a poboación maior. O Vicedo segue, sen embargo, a ter máis defuncións que nacementos.

-Si, nacen poucos nenos. Temos un Punto de Atención á Infancia, pero ás veces veñen nenos de fóra do municipio, como do Barqueiro. É moi difícil conseguir que nazan máis. Hai xente aquí que se marcha dunha vivenda estupenda, unha casa grande con finca, e vai vivir a un piso noutro municipio.

-Poden ser razóns laborais.

-De Cabanas a Viveiro non me leva quince minutos indo por Galdo. Hoxe a todas as casas chega o panadeiro, ambulancia... Falo de calidade de vida.

«En canto a volver a presentarme nas próximas eleccións, aínda non teño nada decidido»

«Temos un Punto de Atención á Infancia pero a veces veñen nenos de fóra. Aquí nacen poucos»

«Para min a que é potencia económica hoxe é a forestal»«Fomos o primeiro concello do norte galego con ruta homologada»

Son varios os piares económicos do municipio do Vicedo, aínda que co tempo foron mudando. Por exemplo, en canto á pesca, da que é afeccionado o alcalde, o peso foi moito maior do que é hoxe: «Neste momento -di-, embarcacións de xente natural e veciña daquí, só queda unha. Barcos de baixura temos nove que pertencen á confraría. Si, a pesca tivo bastante peso no Vicedo».

-Cal sería a principal actividade económica hoxe en día?

-Creo que a actividade económica principal, non só do Vicedo senón de parte da Mariña, é a forestal. Porque aquí non temos ningunha industria que podamos dicir ‘grande’, falo dun negocio con alomenos 10 persoas fixas.

-E o sector eólico?

-Tampouco crean gran cantidade de traballo porque as empresas subcontratan outras para o mantemento e levan varios parques. É certo que neste concello hai xente que traballa no sector. Para min a que é potencia é o forestal. Non hai casa que non venda un monte, ou tres. É unha axuda importante na economía.

A beleza natural do Vicedo é innegable. Pero o bo que ten tamén é que se pode percorrer de forma cómoda, grazas a un circuíto ben deseñado de roteiros de sendeirismo que fan que os camiñantes pisen cada vez máis estas terras en busca de paraxes de conto e de película. «Fomos o primeiro concello de todo o norte galego -quere destacar Jesús Novo- en ter ruta homologada. Falo da de Morgallón-Río Sor-Morgallón. Tamén temos a da costa, a nosa propia, por onde pasa a do Cantábrico. Temos 24 quilómetros de costa; o municipio 76 quilómetros cadrados».

«Seguimos traballando por poñer en valor o atractivo turístico do noso municipio»

A seguinte materia de análise é a urbanística, ligada á turística, sobre a cal Novo sinala: «Seguimos traballando por poñer en valor o atractivo turístico do municipio». Cita o Fuciño do Porco, a Romaría Vikinga, etcétera.

-Cal foi a evolución urbanística?

-Nos anos do bum da construción este concello tiña plan urbanístico; por certo, o único da provincia de Lugo xunto co de Xermade. Un PXOM feito coa lei de 1997 aprobado en marzo de 2001. Tiña e teno neste momento. Se ben é certo que temos en aprobación inicial outro novo, porque dende 2001 saíron novas leis do solo, de medioambiente... Esa é outra. Un plan urbanístico debíase de facer doutra maneira, mirar de facelo cun futuro de mínimo 20 anos para estes concellos salvo que, polo que sexa, medre máis do previsto. O que non podemos é facer un plan de cada ‘cuarto de hora’.

O Vicedo tiña reguladas as alturas, a construción, as parcelas mínimas... Houbo construtores aos que non lles interesou investir aquí, pero tamén se construíron 400 vivendas. Admítense dúas plantas, ático e baixo e nada máis. Non houbo o bum que houbo en Viveiro, Foz, Barreiros...

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

«No Vicedo investimos moito en aforro enerxético»