Óscar Rivas: «Só volvería agora ao fútbol mariñán para xogar no Viveiro»

I.MEITIÍN BUJÁN

A MARIÑA

ALBERTO LÓPEZ

O futbolista de Ourol ten varias propostas enriba da mesa tras rematar antes do previsto a súa segunda etapa no Anxo Carro

17 nov 2018 . Actualizado a las 20:48 h.

Punto e final á segunda etapa de Óscar Rivas (Ourol, 1992) no Club Deportivo Lugo. «Foron anos moi intensos que levaron consigo moito esforzo e dedicación. Voume contento e satisfeito por ter dado todo por estas cores e só pido que os que se enfunden esta camiseta o fagan coa mesma ilusión e respecto que o fixen eu (...). O meu agradecemento a compañeiros, técnicos e a todos os estamentos do club, en especial ao seu presidente, Tino Saqués, pola súa cercanía e sinceridade (...) Mágoa que algunhas persoas non estean á altura deste gran club». Estes son algúns dos fragmentos da súa mensaxe de despedida nas redes sociais.

-¿Quen son esas persoas que di que non están á altura?

-Prefiro non dicir nada máis.

-¿Foi unha saída pactada?

-Máis ou menos. As dúas partes queriamos romper o compromiso.

-¿Vaise con rencor cara a alguén?

-En absoluto. Voume totalmente a gusto e coa cabeza ben alta porque durante estes tres anos e tamén na primeira etapa tratei de dar o mellor de min para defender ao CD Lugo. Non creo que ninguén me poida reprochar nada. Se o ano pasado non ascendéramos co Polvorín entón si que me que iría a desgusto.

-¿Ese salto a Terceira co Polvorín foi o mellor da súa segunda etapa no Anxo Carro?

-Desde logo que si. Tiven a sorte de xogar varios partidos oficiais co primeiro equipo e compartir vestiario con xogadores profesionais que sempre me trataron como un compañeiro máis. Esas vivencias non as esquecerei xamais, pero a experiencia do ascenso foi aínda mellor.

-¿Como era a súa relación con José Durán, o adestrador do filial?

-Boa, sempre boa.

-Na presente tempada foi titular no primeiro partido ante o Compostela e lesionouse...

-Así é, aos 20 ou 25 minutos de partido. Sufrín un esguice forte con rotura de ligamento e xa non volvín a xogar desde aquela.

-¿Xa está recuperado?

-Si, ao 100 %.

-¿E ten pensado volver a xogar nesta campaña?

-Vou tomar un período de reflexión de dúas ou tres semanas, que o necesito sobre todo para dixerir certas cousas, e despois tomarei unha decisión. Ata me plantexei deixar o fútbol...

-Seguro que non lle faltan ofertas para volver a xogar xa.

-Algunha hai, si.

-¿Podería acabar a tempada nalgún dos equipos mariñáns?

-Só volvería agora ao fútbol mariñán para xogar no Viveiro. Teño claro que antes ou despois volverei a Cantarrana.