«A música popular é o que máis lles gusta e enche aos nenos do coro»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

A formación coral do colexio actúa hoxe na presentación do libro de Xoán Neira

14 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

As vidas de Manuel Rodríguez, director do CEP Lois Tobío e do coro do centro viveirense, e Xoán Neira, escritor, atopáronse un bo día para unir as súas paixóns: música e poesía. Deu froito a numerosas colaboracións que hoxe verán de novo a luz co gallo da presentación do libro de Xoán Neira Gaiola aberta, que o Seminario de Estudos Terra de Viveiro, organizador do acto, quixo converter tamén nunha homenaxe a Manuel e o seu coro, que actuará.

-Subliña o Seminario que vostede iniciou a súa andaina no mundo da poesía infanto-xuvenil hai máis de vinte anos, con Xoán Neira.

-Fixemos moitos traballos xuntos, tamén cando estivemos no antigo centro Pastor Díaz, que é agora o Vilar Ponte. El coas letras. Eu coa música.

-Formaron parella artística.

-Son simples colaboracións. Temos participado en varios concursos ao longo da nosa historia.

-Lembra algún en especial?

-Hai anos fixeramos un canto de Nadal: Oficios de Nadal. Fora o primeiro premio a nivel de Galicia e norte de Portugal nun concurso da Xunta de Galicia.

-Fáleme do coro do Lois Tobío.

-Ensaiamos todos os luns pola tarde. Nese sentido, teño que agradecer aos pais o interese de que os nenos veñan comigo. Algunhas veces, no recreo tamén os pillo para ensaiar. Aos nenos tamén llelo hai que agradecer. A súa colaboración é exquisita.

-Non abundan coros así, de nenos e nenas, na Mariña...

-Na Mariña hai moi poucos coros de nenos entre 6 e 12 anos. Non sei por que. É moi complicado e require moitísimo traballo. É moi bonito pero moi difícil conseguir cousas [...]. Eu propoño unha cousa básica, que é facer música en directo.

-Que lles gusta cantar?

-Sobre todo é música popular o que máis lles gusta e lles enche. A música de sempre, pola súa sinxeleza. Así é posible facer cousas. Nunca poderei agradecer a esta vila todo o que leva feito na música popular. Gustaríame achegar algo ao público e que quede para sempre.

-Cantos nenos hai agora?

-Neste coro, que se creou polo 1992, teño 42. Antes estivera traballando noutros doutros colexios polos que pasei. O coro é un complemento da clase de música, que ás veces é complicada e áspera. Con isto busquei algo lúdico para que tivese interese.

O co-protagonista da xornada literario-musical que se celebrará hoxe, no salón multiusos do Concello de Viveiro, ás 19.00 horas, será Xoán Neira, quen virá a presentar o seu libro Gaiola aberta, unha escolma de poesía infantil. Participarán o autor, o cronista oficial Carlos Nuevo e o coro. Organiza o Seminario de Estudos Terra de Viveiro.