A catedral mindoniense recibiu xa a 25.000 visitantes no periodo dun ano

La Voz MONDOÑEDO / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

10 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O conselleiro Román Rodríguez tamén aproveitou para trasladarse á Catedral de Mondoñedo, onde o seu departamento realizou dúas intervencións importantes, cun orzamento próximo ao millón de euros este 2018.

En primeiro lugar, o pasado mes de abril remataron os traballos de restauración da primeira actuación, na casa dos Cóengos, na que se investiron preto de 280.000 euros.

A segunda actuación, rematada no mes de agosto, centrouse na restauración da cuberta da basílica e do claustro. Cun orzamento de 649.608,15 euros, as necesidades que se cubriron están relacionadas coas filtracións de auga por defectos construtivos e as malas solucións de deseño en ambas as dúas zonas de intervención. Durante a visita, o conselleiro estivo acompañado tamén pola alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, e pola directora xeral do Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua.

Precisamente a alcaldesa de Mondoñedo destacou un dato a ter moi en conta: no último ano a catedral de Mondoñedo recibiu a 25.000 visitantes. A catedral forma parte do triángulo cultural moi especial propio de Mondoñedo: catedral-covas-museos, ao que hai que engadir o propio Camiño Norte, patrimonio de interés mundial e a propia cidade episcopal.

Todo isto vai facer de Mondoñedo un destino cultural moi importante en Galicia.