«Tras anunciar o reparto ao domicilio chamáronnos aos dous minutos»

Amarena puxo onte en marcha un novo servizo que achega os seus doces ás casas


foz / la voz

Cantas veces non nos temos tirado no sofá despois dun intenso día e collendo o mando da televisión pensamos: ‘Ai... se agora tivese aquí un doce’. Pois ese desexo doméstico faino realidade a Pastelería Amarena de Foz, coa mesma «maxia» coa que elabora doces, tartas e bombóns... que saben a gloria! Onte comezou un novo servizo, de reparto a domicilio, que funciona en horario de 12.00 a 14.30 e de 19.00 a 21.00 horas, para atender doces tentacións que nos asaltan ben á hora da comida ben á hora da cea.

-Como funciona o servizo?

-De momento, puxemos uns horarios para cubrir comida e cea. Pero estamos abertos a que calquera persoa nos solicite o servizo noutro horario. Temos furgoneta e moto para levar pedidos.

-De pasteis, tartas, bombóns, pastas, cestas, regalos... De todo!

-Si, incluso xeados. Neste caso non hai problema ningún porque temos caixóns especiais. En principio o que temos pendente é o sistema de pago. Poden pedir en tenda ou chamar ao 982 132 130.

-É mediodía. Xa recibiron chamadas para estrear o servizo?

-De momento non pero xa para mañá e para pasado temos, igual que para a fin de semana. Iso si, según o anunciamos nas redes sociais, houbo xente que nos preguntou aos dous minutos.

-É ideal os domingos para almorzar na casa coma un rei!

-Realmente os almorzos xa os levamos á casa en datas especiais. Funcionan moi ben nos días do pai, da nai, dos namorados...

-Como xurdiu a idea deste reparto a domicilio?

-Pois pensando na vida de cada persoa. Moitas veces estás no sofá e pensas ‘apeteceríame comer algo de postre’. Ou despois de traballar chegas co tempo xusto e tomarías un trozo de tarta...

-Agora leva a tenda co fillo. Bota de menos ao pai, a Antonio?

-Antonio Gumiel xubilouse hai sete anos, pero sempre di que o seu fillo é superior.

-Pero segue indo polo negocio, supoño. Desculpe a broma, pero dálles moito a «tabarra»?

-(Ri) Moi pouco. Danos «a tabarra» no bo sentido, tráenos a comida cando temos moito traballo e danos ánimos. No caso del foron 50 anos traballando. De feito, faltábanlle sete días para ter cotizado 50 na Seguridade Social. Máis os que traballou dende neno e sen estar cotizando daquela. Eu ao principio botábao moitísimo de menos aquí. Para min foi toda unha vida estando xuntos e as 24 horas. Ao principio, sentíame un pouco coxa. Estar no taller e non velo... Era unha cousa!

-Agora Pablo segue a súa labor.

-Pablo leva os xenes de seu pai en todo. Estamos traballando con el e traballa igualito que o pai. Eu levo aquí dende que abriu Amarena, en maio de 1991. Pablo tiña 17 ou 18 anos cando comezou.

-E hai algunha «amarenita» xa por aí, que apunte maneiras?

-Temos dúas netas e unha delas ten oito anos pero domina xa a máquina de chocolate e quere axudar coas Tortas Normandas.

-Cantos traballadores son?

-Catro persoas. A outra é miña irmá e o outro o pasteleiro, Manolo, que comezou a traballar con meu pai con 14 anos.

-Levan case 30 anos en activo pero nunca se deixa de innovar.

-Non, non podes descansar.

-Hai moitas cousas que fan moi ben, pero o seu chocolate...

-Si, co que máis estamos involucrados é co chocolate. É co que máis goza Pablo. Na nosa vitrina temos 30 e pico clases de bombóns, a cada cal máis atractivo, por sabor e cor. O chocolate é o máis difícil de traballar.

-Os Roca están na elite.

-Si, hai divisións no mundo dos chocolates. Coma en todo, ti sabes onde estás e onde chegas. Agora mesmo unha persoa estame a dicir que ‘esta vitrina, nunha rúa de Madrid arrasa’. Pero estamos en Foz, na rúa Rego de Foz.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Tags
Comentarios

«Tras anunciar o reparto ao domicilio chamáronnos aos dous minutos»