Javi Mogo: «As persoas con discapacidade sempre te reciben cun saúdo agarimoso e un sorriso»

Fala un monitor de seis asociacións da Mariña


burela / la voz

Na cita de Burela competirán moitos das ducias de xogadores que, ca axuda doutros monitores, adestra acotío Javier Mogo Torrado (Budián-O Valadouro, 1981), un verdadeiro especialista en traballar con persoas con discapacidade física e intelectual. Da súas aptitudes e actitudes para o deporte adaptado benefícianse ata seis asociacións mariñáns: Aspanane (Viveiro), A Mariña-Cogami (Xove), Asociación de axuda ao enfermo mental A Mariña (Cervo), Fundación Eu Son (Burela), Asociación Camiña (Burela) e Afan (Burela).

-Como se organiza?

-Ao comezo de cada curso é complexo facer o cronograma, porque hai que cadrar horarios de pavillóns, horarios dos centros..., polo que se fala con todas as asociacións para preguntarlles os seus horarios favoritos e logo intentar cadralos cos meus, que tamén compatibilizo coa arbitraxe ou actividades extra escolares.

-Cal é o perfil dos alumnos cos que traballa?

- Moi diverso, dende persoas con apenas 14 anos a outras que roldan os 90. Xente en cadeira de rodas, con problemas neurodexenerativos, con problemas á hora de comunicarse (dificultade para falar, problemas auditivos severos...), e con discapacidade no eido intelectual, físico, psíquico e mental.

-Para iso non valerá calquera. Que características debe reunir un monitor destas persoas?

-O perfil do monitor debe ser común, traballe con quen traballe, xa que o exercicio é necesario. Hai que motivalos, ser dinámico, ter sentido do humor, dar ordes claras e precisas e aconsellalos, co que a paciencia debe ser mutua.

-Poucos traballos haberá tan gratificantes.

-Cantas máis necesidades require unha persoa, máis agradecida é. As persoas con discapacidade sempre te reciben cun saúdo agarimoso e un sorriso; nalgúns casos ó rematar a sesión veñen darche as grazas, chócanche a man, preguntan cando voltas e, por exemplo, ás usuarias de Afan gústalles despedirse cun bico. É moi reconfortante que a satisfacción sexa mutua.

-As actividades dependerán da capacidade do grupo, non?

- Cada grupo é diferente e cada día teñen un estado de ánimo ou comportamento desigual, co que é moi importante a axuda das coidadoras que están con eles acotío porque o monitor debe adaptarse ó grupo. Nalgunha ocasión vas cunha previsión e ó ver o ambiente e falar coas coidadoras hai que variar o previsto, pero as actividades é importante que sexan dinámicas e ter en conta que soen ter moita máis destreza e seguridade á hora de xogar coas mans que cos pés.

-O aspecto emocional xoga un papel determinante.

-É básico, tanto por parte do alumnado coma dos monitores. Entre todos transmitímonos enerxía positiva, gañas de facer cousas. Celébranse xornadas de convivencia entre os centros e equipos deportivos da Mariña. Lembro a cara de ledicia e satisfacción dos usuarios de Aspanane cando xogaron un partido cos xogadores profesionais do Pescados Rubén FS ou os de Camiña ó sacar fotos co xogador de baloncesto Jordan Bachynski

-Está o suficientemente apoiado o deporte adaptado na Mariña?

- O deporte en xeral nunca está o suficientemente valorado e neste caso aínda máis, porque cando compiten con equipos doutros centros os pavillóns están baleiros e eles agradecen que os vaian ver. Destacar que en Burela xa se celebrou un campionato de Special Olympics de baloncesto en 2009 e outros dous de futsal e en Viveiro, varias edicións de Maratóns Urbanos. É de agradecer a implicación das institucións para traer estes eventos, así como a difusión que fan del os medios de comunicación.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
11 votos

Javi Mogo: «As persoas con discapacidade sempre te reciben cun saúdo agarimoso e un sorriso»