«Naval montou unha familia arredor dos inicios da banda e da escola»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía RIBADEO / LA VOZ

A MARIÑA

JOSE ALONSO

A EMMeD ribadense cumpre neste curso os seus 25 anos, con case 400 alumnos

08 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Este de 2018-2019 é un curso especial para a Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo. A EMMeD celebra o seu 25 aniversario, efeméride sinalada que ten o pracer de vivir como responsable Hugo García Presno, quen ademais fora alumno do centro na década dos anos 90.

-Como lembra aquela etapa?

-Era unha época na que o apoio institucional da administración autonómica a este modelo era escaso, pois primábase aos conservatorios pero, co tempo, o das escolas de música foi unha proposta que callou. Podemos estar ben orgullosos porque Ribadeo foi vila de referencia en innovación de cara á posta en marcha deste tipo de centros.

-Fagamos un pouco máis de historia. Que supuxo o nacemento do centro ribadense hai 25 anos?

-O nacemento da Escola en Ribadeo, así como outros proxectos que se estaban xestando daquela noutros concellos galegos, marcaron un punto de inflexión no mapa de centros educativos musicais do país daquel entón.

-Hernán Naval foi clave, non?

-Si. El era un visionario para este tipo de proxectos. O que fixo foi tirar do fío da proposta innovadora que a LOXSE poñía sobre a mesa para as escolas de música, facendo delas centros de ensino musical amateur, pero tamén espazos para a difusión cultural, encadrados no tecido comunitario das vilas e cidades que as acollían.

-Como lembra a Hernán?

-Á xeración de músicos que empezamos naquela época el influíunos moito. Montou unha familia arredor da creación da banda e dos inicios da banda. Levabámonos tan ben e inculcábanos uns valores.... Era un líder nato.

-Se vivise, estaría hoxe contento da evolución da escola?

-Se vivise, a escola podía ser igual que é hoxe... ou non. Si que era máis fácil facer piña daquela, con cento e pico alumnos. Agora, con case 400, é máis complicado. Daquela, fóra do colexio, ías a música e nada máis. Agora que se piscina, baloncesto, inglés... Hai moitísimas actividades extraescolares. Nós, encantados coa evolución da escola, pero cada vez é máis difícil compaxinar os horarios dos nenos. Antes pasabamos a tarde enteira nesta escola.

-A filosofía base, permanece?

-Hai tres piares fundamentais cos que naceu a escola e que seguen vivos no noso traballo diario: o alumnado debe gozar e pasalo ben coa aprendizaxe musical, o traballo que facemos no centro debe saír destas catro paredes e interactuar coas actividades comunitarias que pasan pola Escola e a Escola debe ser un punto de encontro da música con outros aspectos que entendemos centrais no proceso de formación das persoas que pasan pola Escola, xa sexan a recuperación da memoria, os feminismos, a solidariedade, etcétera.

-Por certo, o seu instrumento?

-Óboe. Cando entrei pola porta a miña idea era tocar a trompeta, pero Hernán e a xente do seu arredor convencéronme para tocar o óboe. E non me arrepinto.

-Dende cando se responsabilizou da escola? Como ve o cargo?

-Dende o ano 2010. A banda sempre foi da Asociación Amadores da Música e nútrese da canteira da Escola. O cargo non é fácil, sobre todo porque hai moita burocracia e hai que tratar con profesores, pais... con visión das cousas e criterios diferentes. É moi absorbente. Ten que gustar.