«A Pomba do Arco é unha asociación moi aberta e moi asemblearia»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Lois Pérez abre hoxe co seu libro «Long play» a cuarta edición da Festa da Palabra

07 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Poesía, música e teatro van collidos da man na cuarta edición da Festa da Palabra coa que a Asociación A Pomba do Arco de Foz encara parte da recta final do ano, esta mesma semana. Tamén nestas datas acabamos de coñecer que mudou de presidencia o colectivo. Agora recae en Marcelino Villarino (Foz, 1974).

-Cantos anos levaba o anterior presidente na asociación?

-Xoán Ramón [Fernández Pacios] estivo nove anos de presidente, pero segue estando na directiva como vogal... e para o que faga falla.

-Como perfila esta nova etapa dende o seu cargo?

-Pois penso continuar co mesmo que se estaba facendo e coas actividades que hai todos os anos: o Touporroutou, as Xornadas de Arte, as Xornadas de Historia, a Festa da Palabra... E se se pode facer algo máis, mellor.

-A Pomba do Arco é desas asociacións que se abren a novas ideas e lles dan a benvida?

-Na Pomba do Arco, todo o que se planificou en directiva lévase a cabo. É unha asociación moi aberta e moi asemblearia. Si que hai unha parte que intentarei cambiar e é que sexa o menos presidencialista posible. Quero dicir, que non recaia todo o traballo na figura do presidente. Temos unha directiva moito máis ampla da que tiñamos, onde está a xente do grupo de teatro, dos clubs de lectura infantil e de adultos, das parroquias, xente que leva as xornadas...

-Sabendo cada un moito do seu, con especialistas do seu, non?

-Non sei se moito ou pouco, pero o importante é que lles guste. Nunha asociación non estás como nun traballo; sobre todo estás para facer o que che guste.

-Si, pero nunha asociación sempre hai traballos considerados «máis ingratos». Papelame etc...

-Si, o papelame, os trámites, pedir subvencións... Iso vaino seguir habendo, claro.

-A súa filosofía está moi ancorada no aspecto cultural. Outros colectivos de Foz, por exemplo, xa se encargan da parte festiva.

-A Pomba do Arco intenta que se faga cultura de base. Así, estase retomando o grupo de teatro que tiñamos hai anos e os clubs de lectura tamén están moi ben. Chegou a haber tres: infantil, xuvenil e de adultos. Este último funciona como un club normal de lectura no que se escolle un libro para ler e ao mes coméntase. No infantil son as familias as que contan o conto a outras. Digo familias porque empezan os pais, pero vanse sumando os nenos e as nenas e acaba a sesión con actividade plástica relacionada co libro. O xuvenil era parecido ao de adultos, pero xa non funciona. Esas idades son complicadas, teñen bastantes deberes, están noutra órbita... Si que a primeira remesa pasou do infantil ao xuvenil; non obstante, agora non houbo relevo aínda.

-Hoxe comeza a Festa da Palabra.

-É unha actividade que comezou nos anos 90. Fixéranse tres ou catro festas da palabra. Que pasou? Estivo en stand by e recuperámola hai catro anos. Ten bastante éxito. Por ela pasaron xa Manuel Rivas, Xavier Baixeiras, Marica Campo, Miguel Sande, Mirian Ferradáns... Xente moi diversa e consagrada.

-E tamén novos poetas.

-Este ano vén Ismael Ramos, un rapaz de 25 anos, que vai ler xunto a Olga Novo. O ano pasado, Mirian Ferradáns, que ten vinte e pico, fíxoo xunto a Manuel Rivas.

-Agárdanos máis neste 2018?

-O grupo Touporroutou Teatro está montando obra para estrear o día 15 de decembro.