«Hai outra maneira de levar os negocios»

La Voz

A MARIÑA

PEPA LOSADA

O mentor e formador deu onte ao comercio en Viveiro as claves para que o traballo do autónomo non sexa tan sacrificado

06 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Es escravo ou dono do teu negocio?» e «Como converter o teu negocio nunha empresa de éxito» son os títulos das charlas organizadas polo Centro Comercial Histórico de Viveiro e impartidas por Alberto Ferreiro, xerente de Reimpulse Mentoring de Lugo, a primeira onte e a segunda o vindeiro día 12.

-En que consiste o seu traballo e a finalidade destas charlas?

-Son mentor e o que estamos intentando é concienciar aos empresarios de que hai outra maneira de levar os negocios, de que ter bos resultados económicos non é sinónimo de ser escravo. Podemos ter unha empresa que dea beneficios e tamén ter calidade de vida. Pero en realidade é unha crenza pensar que non se ten; a crenza da cultura do esforzo e de que tes que loitar moito para conseguir cousas. O que se pretende con estas conferencias é que a xente entenda que en vilas pequenas o resultado tamén depende de que a xente empece a colaborar entre si.

-Máis claves?

-Hoxe, grazas ás novas tecnoloxías pódese facer doutra maneira. Tamén con técnicas de mercadotecnia e xestión do tempo. E tamén se necesita formación. Se non se fai, é como dicir que vou co coche pola autopista e non paro a botar gasolina.

-Algún pensará que a teoría é moi fácil, agora a práctica...

-Eu cóntolles a miña historia. Estiven nunha empresa durante 15 anos e case acaba comigo. Busquei outra forma de levala e estiven formándome en Madrid. Vin outra maneira de facer negocio. O que máis me valeu no meu caso foi que aprendín a delegar [...]. A min tamén me cambiou a forma de pensar a lectura. E outra clave, apartarse de contornos e xente tóxica, porque ás veces estamos todo o día queixándonos e pensamos que o causante do que nos pasa é algo externo. Un empresario ten que durmir ben, comer ben e facer deporte. Sen iso, nada. É unha das claves básicas.

-Cando se fala de crear unha empresa case a primeira palabra que a un se lle vén á cabeza é a de «risco».

-Un dato moi importante: un 85 % dos proxectos de emprendedores caen aos cinco anos. Esa é a media. De cen proxectos, en quince anos quedan 15 pero a maior parte deses 15 viven sendo escravos. Un autónomo ten unha crenza limitante, un «chiste» que se escoita moito dicir, aquilo de que «non podemos caer enfermos». Custa concienciar tamén á hora de coller o primeiro empregado. Moitos din «non me vale ninguén». Aquí hai un problema grande e é que se nos ensina a ser técnicos. Sabemos facer o traballo pero non sabemos xestionar. E se non tes esa parte desenvolta, non sabes desenvolver o proxecto. Polo tanto, hai que ter a parte de xestor e de emprendedor. O que impera na xente en xeral é o medo. O mundo cambiará o día no que a intelixencia emocional e a intelixencia financeira cheguen aos colexios. É algo tan importante como a lingua, as matemáticas, a historia...

-Cre que será posible un cambio de mentalidade?

-O que veño é a dar as claves de por que estamos onde estamos e a seguinte charla é... como saír de aí. Como se di, eu podo dar auga pero non podo dar sede.