«Hai xente que vén dúas ou tres veces ao día ao cemiterio; eu abro ás 8»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Hai cinco anos deixou o oficio de escaiolista para seguir os pasos de Néstor Valle

03 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai asuntos dos que moitas veces custa falar, como é a morte. Igual que dun oficio que pode ser visto dende fóra con reticencias pero que dende dentro amosa outra perspectiva, que nos achega con amabilidade Pedro Valle Gómez (Burela, 1960). El non dubidou en deixar atrás un oficio de escaiolista «de 33 anos na mesma empresa» para seguir os pasos de seu pai. Néstor Valle fora durante moitos anos enterrador no Cemiterio Parroquial de Burela, tarefa que compaxinaba coa de albanel. «E teño unha irmá máis nova ca min que me di que quere seguir co oficio», sinala.

-É raro ver unha muller no oficio.

-Si. É un oficio moito de homes.

-Como é a súa xornada habitual?

-Ás oito da mañá veño todos os días abrir porque teño un cliente, ao que lle faleceu a muller, que vén cada día a esa hora e veño abrirlle. Pecho ás nove da noite pero co cambio de hora ás oito. Festivos tamén. Todos os días.

-Fanse moitas visitas diarias no Cemiterio Parroquial burelense?

-Hai bastantes. Hai xente que vén incluso dúas ou tres veces ao día ao cemiterio. Este fixo cen anos no 2012. Agora entérrase menos xente aquí pois está o Municipal arriba. Antes había neste unha media de 65-70 enterramentos ao ano; agora de 30 a 40.

Neste cemiterio cóbrase unha cota de 22 euros ao ano por cada sepultura. Enterros e cambios van aparte.

-Percibiu cambios na forma en como se fan hoxe os enterros?

-Cambiou moito. Antes, tamén, os cambios (de restos) facíanse e non se pechaba a porta; a xente que entraba vía todo. Agora, cando fago cambios, poño un cartel na porta e pecho nese momento. É complicado, imaxina a situación cos familiares e que chega calquera... E, por outro lado, non todos somos iguais nin aguantamos igual. É algo moi sagrado. E tamén algo moi delicado.

-Cando hai que facelo?

-Por lei, antes dos cinco anos do falecemento da persoa non se pode. Antes dos cinco anos é considerado defunto e despois dos cinco anos, restos.

-Sendo seu pai como foi enterrador, imaxino que sempre se familiarizou con este oficio.

-De pequeno eu viña con meu pai ao cemiterio e andaba por aquí brincando. Era un neno.

-Ve os enterros de hoxe diferentes aos de antes ou non?

-Penso que se vai perdendo moito o de vir ao cemiterio acompañando ao defunto e vir andando dende a igrexa parroquial. Agora faise o percorrido nos coches.

-E o tema das flores?

-Creo que está baixando. Se antes había sete ou oito coroas e moitos ramos, agora podes ver unha coroa e algún ramo nun enterro. Si que noto que nas visitas ao cemiterio, polo menos a este, está aumentando a xente nova. Este cemiterio está en bo sitio, practicamente no centro do pobo e rodeado de casas. Non é porque eu estea ao cargo del, pero penso que está moi ben coidado.

-Lembra o seu primeiro enterro ou primeiro cambio de restos?

-A min non me sorprendeu nada porque xa estaba acostumado. Eu fago o meu traballo e punto. Xa teño todo asimilado e a veces aconsello aos familiares.

-Algúns cemiterios, por exemplo, teñen o seu valor arquitectónico e son tamén considerados puntos de visita turística.

-Si, hai cemiterios nos que si se fai, pero neste non. Eu veño todos os días e ao longo do día e á noite pecho. Como se por algunha razón teño que durmir no cemiterio... Non pasa nada.

-Esta non é unha pregunta doada, pero toca facela. Cando chegue o momento, preferiría que o enterrasen ou que o incinerasen?

-Incinerarme. Vexo que é o máis hixiénico hoxe en día. E penso que cando se acabe esta xeración dos 70, todos se van incinerar.

«Eu fago o meu traballo e punto.

Xa teño todo asimilado»