Adeus a unha das figuras fundamentais do teatro galego

m. Sande / d. g. VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

XOÁN A. SOLER

Natural de Viveiro, dedicouse por enteiro ao teatro profesional; o Concello viveirense lamentaba onte a súa perda

31 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

No anoitecer deste pasado luns, día 29, falecía Gustavo Pernas Cora, escritor de teatro, actor e director teatral. Naceu en Viveiro un 26 de novembro de 1959. Licenciado en Xeografía e Historia, sección Historia da Arte, pola Universidade de Santiago de Compostela en 1981, onde realizara diversos traballos de investigación no campo do cine e do teatro, estudou posteriormente Arte Dramática en Madrid e xa se dedicou por enteiro e de maneira profesional ao teatro. Foi un dos iniciadores do teatro profesional en Galicia, un dos que asentou os alicerces do teatro en Galicia, unha figura fundamental na historia do noso teatro.

Desde 1985 dedicouse, como dicimos, profesionalmente ao teatro, combinando traballos de actor en diferentes compañías co traballo de dirección e escrita dramática. Actor e director de dobraxe. Desde 1997 viña impartindo aulas en diferentes ámbitos do ensino: Profesor de Guión, Teatro e Linguaxes Audiovisuais na Escola de Imaxe e Son da Coruña, foi Profesor de Dramaturxia e Arte Actual da Universidade da Coruña en Pedagoxía Teatral. En 1989 funda con Ánxela G. Abalo a compañía de teatro Áncora Produccións na que dirixía e interpretaba os seus propios textos.

Obtivo numerosos premios e recoñecementos no teatro: Premio Max, varios Premios María Casares, Premio Rafael Dieste, Premio Álvaro Cunqueiro, e ultimamente o Premio Vidal Bolaño a toda a traxectoria profesional, premio que había compartir con Ánxela Abalo e a súa compañía Áncora Producións. O seu irmán, Miguel Pernas, tamén é un recoñecido actor.

Pésame da alcaldesa

A alcaldesa viveirense, María Loureiro, tamén facía público o pésame -en nome do concello- pola falecemento de Gustavo Pernas.

«En nome do Concello de Viveiro queremos manifestar publicamente o noso pesar polo falecemento do viveirense Gustavo Pernas Cora; co seu pasamento, o mundo do teatro perde a un gran dramaturgo, actor, director

teatral e escritor, un persoeiro do mundo da cultura recoñecido e premiado con diversos galardóns. Dende a súa cidade natal, queremos facer chegar o noso máis sentido pésame a todos os seus familiares e amigos», manifestaba Loureiro.

O falecemento de Gustavo Pernas Cora provocou numerosos comunicados de pesar e apoio á familia por parte do sector teatral e cultural na Mariña e en toda Galicia.