Pablo Viveiro, colgou as botas no Vilalbés despois de 23 temporadas: «O fútbol axuda a formarte»


LUGO / LA VOZ

Hai futbolistas que son lembrados pola súa longa pertenza a un clube: Steven Gerrard pasou 17 temporadas no Liverpool, e Xabi Prieto, 15 na Real Sociedade. Son traxectorias interesantes tendo en conta que os ciclos semellan cada vez máis curtos, pero máis admirable resulta o exemplo de quen pasa 23 temporadas seguidas no mesmo lugar. Para atopar o protagonista cómpre dirixir a ollada a Vilalba, onde Pablo Vivero vén de anunciar a súa retirada, pouco despois de comezar a vixésimo cuarta.

-Un neno ou un rapaz xogan ao fútbol cos amigos, simplemente porque lles gusta. Vese reflectido nesa imaxe?

-É o máis doado, porque só necesitas un balón e un campo. Un tío meu, Jesús Vivero, xogou no Racing Vilalbés, e iamos velo xogar meus pais e máis eu. Cando foi presidente, díxolles a meus pais: ‘Por que non o traedes aquí?’. Daquela non todos os equipos tiñan tantas categorías coma o Racing. Entrei..., e ata hoxe.

-Pode un adolescente prever nalgún momento o futuro cando comeza a xogar?

-Non. Xogas ao fútbol porque che gusta, porque desfrutas; e creo que se está perdendo iso, porque se tenta ver o que será un neno dentro de dez anos. O que importa é queimar etapas e desfrutar ademais de formarte como persoa, porque o fútbol axuda a formarte. Nunca pensei máis alá diso.

-Dende a xuvertude ata a madurez, en que lle axudou o fútbol?

-Axudoume no desenvolvemento persoal. Son unha persoa tímida, e estar nun vestiario obrígate a convivir, a relacionarte. Adquires tamén autonomía porque estás só. Xa fun capitán do equipo cadete, e iso axudoume tamén a ser un pouco líder.

-Pérdese na vida máis do que se gaña se un xoga ao fútbol tantos anos como o fixo vostede?

-Pode haber xente que o chegue a pensar; no meu caso concreto , non. A verdade é que o fútbol, se te ilusiona, se che gusta, dáche moitas satisfaccións. Sabes que deixas de facer cousas; pero cando fas esa elección conscientemente, ninguén te obriga. Entendo que fagas esa reflexión: ‘Compensa?’. Creo que si.

-Os nenos hoxe queren ser Messi, Cristiano Ronaldo... Non hai demasiada presión?

-En Terceira División, non. Pero eu teño un neno, que xa xoga, e vexo pais pendentes diso. No fútbol hai unha cousa que inflúe, a sorte. Eu vin xente con grandes características, e por non estaren no momento indicado ou polo que fose non chegaron. O importante é que os nenos o pasen ben. Cada un ten o seu don: se xogas ben, xogas ben; se non, non, por moito que adestres. O paso á elite xa depende de moitos factores.

-Cambiou o fútbol dende que vostede comezou? É o mesmo?

-Non é o mesmo. Cando comecei a xogar, a xente tiña unha axuda económica, pero xogaba por desfrutar. Hoxe a xente móvese a nivel económico. Iso si cambiou. Tamén cambiaron as infraestruturas: en calquera sitio ves un campo ben preparado.

-Sobráronlle anos de fútbol?

-Non. Cada ano fas a mesma pregunta; e vía que non, cría que aínda estaba para achegar cousas.

-Ve nos xogadores novos de hoxe o que vostede era hai anos, o que quería ser...?

-Si. E moitas cousas que che recordan o tempo no que comezabas: a ilusión, a timidez... Un tenta dar algún consello; non moitos, porque tampouco me gusta ser o abuelo Cebolleta.

-Un domingo ás dúas da tarde, que sente?

-Estou pendente do partido [do Racing] polo móbil, pola radio ou polo que sexa. Non tiña un ritual os días de partido, pero si estou pendente dos meus compañeiros.

 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Pablo Viveiro, colgou as botas no Vilalbés despois de 23 temporadas: «O fútbol axuda a formarte»