Demetrio Salgueiro: «A situación económica é envexable, pero é froito dun traballo diario»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía XOVE / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

«Sempre entendín a política como servizo e manteño a miña idea de que son un empregado máis dos veciños», afirma

28 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O alcalde do Concello de Xove, Demetrio Salgueiro Rapa, suma once anos no cargo e esta é a súa terceira lexislatura á fronte da alcaldía. Unha década despois da súa entrada na Casa do Concello como máximo responsable municipal, segue a ter clara, quizás con máis intensidade, a máxima persoal que o levou a presentarse no seu día, que é «facer cousas para os meus veciños», sinala.

-Sabendo como é o mundo da política, coas súas cousas «boas» e «malas», segue a ter a mesma ilusión do primeiro día?

-A ilusión sígoa tendo, igual que cando hai que pelexarse con outras administracións, sacar horas do tempo libre e das da miña familia... Pero é que eu sempre entendín a política como servizo e manteño a miña idea de que son un empregado máis dos veciños.

-E a veces as decisións tomadas foron do gusto duns veciños pero non doutros, verdade?

-Moitas veces pasa, que o que é bo para un, para outro é malo e tes que poñer a cara. Por exemplo, ao facer un camiño, hai xente que está interesada en que se faga pero a outra ao mellor hai que collerlle un cacho do seu terreo para facelo. Todo faise polo ben común, para que quede para o futuro e un concello mellor.

-Algunhas veces tén conseguido proxectos pero outras non. Como se leva iso?

-Son os sinsabores do cargo, as cousas que non dependen de ti directamente e quedan atascadas porque dependen doutras administracións. Por iso para nós era unha prioridade sacar adiante a mellora das estradas pero tamén sabemos que o tema do porto deportivo de Morás é un reclamo e se hai que poñer fondos póñense.

-Como está hoxe en día a saúde económica do Concello de Xove?

-Quería facer referencia precisamente á situación económica do Concello de Xove. Penso que é envexable.

-En parte teñen a Alcoa.

-Grazas a Alcoa tamén, pero creo lembrar que cando entrei de alcalde o presuposto non chegaba a seis millóns de euros e agora mesmo aprobamos un orzamento de nove millóns de euros. E creo que iso non é froito da casualidade, aínda que algún poda dicir que «nos choven os cartos». É froito dun traballo diario e dun estudo onde miramos como podemos recadar máis e onde podemos beneficiar. Así, contamos con partidas para aforro enerxético e logramos aforrar co sistema de iluminación LED e outras políticas de aforro, tratando de non subir os impostos, que é o último. Hai dous anos, tamén, aprobamos a ordenanza para que as eléctricas paguen máis polo paso das liñas, que tamén vén derivado do consumo de Alcoa. Pero foi froito dun estudo e supuxo un avance importante. Trátase de ter máis recursos, para facer máis obras e dar mellores servizos e acometer algunha actuación sen ter que depender doutras administracións.

«A nivel turístico quédanos un percorrido, aínda que traballamos intensamente en promoción»

«Xove está a medio camiño entre Viveiro e Burela, ten certas comodidades e un nivel impositivo baixo. É especial. Incluso a zona rural pola súa beleza e a zona urbana pola súa comodidade. Nesta última, o Centro Cívico é unha referencia, onde están moitos servizos centralizados e o Concello de Xove, ademáis, financia moitas actividades e servizos que por pouco prexo son de calidade para o cidadán», continúa Demetrio Salgueiro, enumerando as virtudes de Xove.

-A nivel turístico, que queda por facer?

-A nivel turístico quédanos un percorrido, aínda que traballamos intensamente nos últimos anos en materia de promoción. Os turistas van coñecendo Xove. Si que nos quedaría algo no que estamos loitando, que é en mellorar dende Xove os accesos ao resto da Mariña. Por iso temos que agradecer que o primeiro tramo do corredor da Mariña se abrise aquí en Xove, a chamada vía de altas prestacións. Aínda que segue a ser necesario desbloquear a variante de Viveiro, fundamental ata Ferrol, e buscar solucións sexa por un lado ou por outro, tamén dende O Castelo ata Barreiros e que se vaia executando.

-Como afectou a Xove a variante?

-Na Avenida da Deputación notouse no tráfico pesado, que agora vai por fóra. A nivel comercial, algo pudo afectar. Pero os que que queren coñecer Xove, veñen.

«O desenvolvemento da zona urbanizable fronte ao colexio está pendente do informe da Xunta»

Son varias as actuacións a nivel municipal que están en marcha nesta lexislatura que é a terceira de Demetrio Salgueiro e unha delas, que destaca o propio alcalde, fai fincapé na importancia non só de conservar poboación senón tamén de tentar gañala. Ademáis de bos servizos e comunicacións, saben que a xente que queira fixar residencia en Xove necesita un lugar onde vivir. Nese senso, con algo de retraso, continúa en marcha o desenvolvemento da zona urbanizable fronte ao CEIP Pedro Caselles Rollán pero «está pendente de informe da consellería por unha modificación que houbo que facer. Aquela vai ser unha zona para vivendas unifamiliares. Hai dous anos comezamos prácticamente coa reorganización definitiva da mesma. Houbo alegacións e unha área que houbo que deixar fóra. Agora hai que facer o proxecto de reparcelación e de urbanización pero agardamos que en breve chegue a autorización para poder seguir cos trámites normais. É importante», indica.

-Cal é a situación inmobiliaria actual no municipio de Xove?

-Existe unha carencia en vivenda unifamiliar. En Xove hai pouca vivenda en venta e aluguer e, pese a baixar un pouco en poboación, como tamén pasa no resto de Galicia e España, baixamos máis despacio que outras zonas. Considero que Xove ten un atractivo importante.

«Alcoa sempre é un motivo de preocupación»

A situación que atravesa a multinacional Alcoa non pasa, para nada, desapercibida no municipio de Xove, onde se enclava parte da factoría. Os xovenses ligados directa ou indirectamente á súa actividade industrial e tamén ás das firmas auxiliares miran con atención as últimas novas que chegan das plantas de Avilés e A Coruña que a empresa tén intención de pechar. Dese asunto, preocupante aínda que a dirección sinala que mantén á fábrica mariñá, fala tamén o alcalde de Xove: «Alcoa sempre é unha preocupación». «Cada vez que pasa algo con Alcoa, xenera inquietude e preocupación. Primeiro, polos traballos, que se verían afectados directa ou indirectamente, tamén en parte na economía da Mariña. Esperemos que a situación se resolva pois o emprego aquí é importante, pero tamén o é en A Coruña e Avilés».

-Non é a primeira vez que se xenera unha situación de incertidume con respecto á actividade industrial de Alcoa, tamén aquí nesta comarca.

-Agardamos que agora se chegue a unha solución. Pero si, situacións similares se viviron hai anos, aínda que na de agora, a empresa non se move e por outro lado non oímos por parte do Goberno central mensaxes positivas, o cal preocupa un pouco máis. Non hai mensaxes para transmitir calma. Aínda que supoño que se estará traballando para solucionar o problema. E espero, por outro lado, que non nos afecte negativamente. Deséxoo. Tamén lle plantexei tanto á Xunta de Galicia como ao presidente de Alcoa, que sería necesario que se acometesen investimentos na factoría. Hoxe en día o mercado é global e todo o que sucede nos afecta.

-Hai que salientar que o peso económico e industrial de Alcoa no municipio é importante.

-Si. Xove, a nivel industrial, é un dos concellos máis importantes da provincia, non só pola actividade de Alcoa e tamén as empresas auxiliares, senón tamén por outras fábricas que hai aquí como a piscifactoría de Pescanova.