Recepción al joven gimnasta ribadense Yuri Rascado

La Voz RIBADEO / LA VOZ

A MARIÑA

24 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O concelleiro de Deportes de Ribadeo, David Rivas, e o alcalde, Fernando Suárez, ofreceron unha recepción ao ximnasta ribadense Yuri Rascado Pita, que se proclamou subcampión de España de Cabalo con Arcos. O acto tivo lugar no salón de plenos do Concello.

David Rivas eloxiou a o xoven Yuri: “Eu sempre entendín o deporte como sinónimo de sacrificio, de dedicación e sobre todo de loita contra un mesmo, que realmente me parece moito máis complicada que a loita contra os rivais porque require, ademais dunha excelente preparación física, unha solidez e un traballo psicolóxico de moi alto nivel. Penso que poucos deportes requiren o grado de disciplina, de traballo e de concentración que son necesarios na ximnasia artística onde practicamente podes xogarte toda a tempada nun minuto de exercicio, a concentración ten que se máxima, calquera mínimo error pasas de subir ao podio ou quedar fora del por un despiste”.

"Estamos seguros de que tiveches que dar o cen por cen de ti mesmo para conseguir esa merecidísima medalla de prata no cabalo con arcos. Para nosoutros é un orgullo que un ribadense se suba a un podio aínda que neste caso fose defendendo os cores da Universidade da Coruña, porque en Ribadeo loxicamente de momento non temos ningún club que practique esta disciplina deportiva. Quen sabe se nin futuro, cando gañes todos os títulos posibles, che apeteza virte para Ribadeo, montar un club e poñerte a adestrar”.

Pola súa banda o alcalde, Fernando Suárez, manifestou: “O que destacamos é terte hoxe aquí porque nosoutros cada ano facemos unha gala do deporte, pero todas aquelas personalidades que coma ti teñen destacado a nivel estatal, etc…, lles facemos un recoñecemento singular como é o caso, sen prexuízo de que cando é a gala do deporte tamén te chamemos aquel día. Parécenos que nesta sociedade onde vivimos hai algúns deportes que están en todos os telediarios, e logo hai outros que non se sabe nin que existen, empezando por min. Cando vin que había un rapaz que quedou subcampión de España de potro con arco, non sabía case nin que era, e coma min moita xente porque son deportes minoritarios que practican moi poucos en comparación con estes masivos que están ata na sopa, entón o teu ten moito mérito, o de todos ten mérito pero o teu especialmente. Aademais aquí ata non temos nin demasiadas instalacións para que, aínda adaptándoas, puideras adestrar. Polo tanto é un mérito que leves o nome de Ribadeo, o nome de Galicia por aí adiante, e sen dúbida xente coma ti fai que outros tantos nenos dentro de pouco teñan a quen admirar, teñan un referente que vas seguir sendo ti, e que se vaian animando máis para que este deporte con tan poucos seguidores, igual dentro de pouco sexa un pouco máis masivo”.

Yuri Rascado Pita estivo acompañado neste acto polos seus pais e pola súa irmá.