«Estou orgulloso de presidir este club sempre, non só nos bos momentos»

I.MEITIÍN BUJÁN

A MARIÑA

Fala o presidente do Pescados Rubén Burela, líder en Primeira e Segunda División

23 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Corren moi bos tempos para o Pescados Rubén-Burela FS e o seu máximo dirixente saca peito. Iso si, sen levantar os pés do chan. «Sería fantástico rematar así a tempada, pero isto acaba de comezar e queda un longo camiño por diante que debemos afrontar ca mesma actitude e ilusión que ata o de agora», razoa Manuel Blanco (San Román de Villaestrofe-Cervo, 1968), que se aferra con forza á prudencia aínda que nalgún momento da entrevista deíxase levar pola paixón e fantasea cun futuro do máis próspero vendo ao equipo feminino no máis alto da Primeira División e ao masculino no liderado de Segunda.

-Imaxino aos afeccionados burelistas co orgullo polas nubes...

-A satisfacción é grande. Ver aos dous equipos aí arriba, liderando os seus campionatos, é motivo de orgullo e reforza a ilusión de todos, tanto dos afeccionados como dos que formamos o Pescados Rubén-Burela. Tamén hai que dicir que o fácil e estar ao lado do equipo nas boas. Eu estou orgulloso de presidir este club sempre, non só nos bos momentos.

-¿Sorpréndelle algúns dos dous liderados?

-Este ano demos un paso máis na nosa aposta por estar sempre o máis arriba posible, tanto co equipo feminino como o masculino, polo tanto non me parecen estrañas estas traxectorias.

-A goleada das rapazas na pasada xornada era de esperar. ¿Non cre?

-Non había máis que mirar a clasificación para darse conta que era un partido que tiñamos que gañar si ou si, a pesar das importantes baixas que ten o equipo nestas primeiras xornadas. Bea Mateos, Peque e Cami son tres xogadoras fundamentais nesta plantilla, igual que Iago Míguez e Matamoros no conxunto masculino.

-Sen eses dous homes foron capaces de asaltar o refuxio do Real Betis.

-Foron tres puntos que non só nos valeron para coller o liderado, senón tamén para fortalecer a confianza do equipo, e para demostrarlle ao rapaces que son capaces de loitar contra todo e que lle poden gañar a calquera.

-¿Que é máis difícil, que o Burela feminino gañe a liga ou que o masculino suba a Primeira?

-Vaia pregunta... (risas). As dúas cousas con tremendamente difíciles, pero non imposibles. O club e o seu patrocinador principal, Pescados Rubén, volveron facer un gran esforzo ca esperanza de acadar eses obxectivos e estamos no bo camiño, pero hai que seguir na mesma liña. En Segunda División, desde hai uns anos a igualdade é máxima entre os equipos e na clasificación; gañas un par de partidos e méteste arriba e se os perdes caes ao medio da táboa. E na Primeira feminina cada ano hai máis competencia na loita polo título, algo tremendamente beneficioso para o fútbol sala feminino.

-¿A obriga é a mesma nos dous equipos?

-Por suposto. Son futbolistas profesionais. Como che dicía antes, este ano demos un paso máis e fixemos un gran esforzo para que o equipo feminino volva a ganar títulos e o masculino regrese a Primeira División. Pero volvo a dicir, non é nada fácil porque hai máis equipos que perseguen o mesmo e hai que ter sorte cas lesións, que nós, de momento, non a estamos tendo.

-En Primeira parece que o Atlético de Madrid será o gran rival do Pescados Rubén.

-Atlético de Madrid, Roldán, Universidade de Alicante... Aínda que estes dous últimos xa tiveron algún tropezo, son dous equipos moi potentes que seguro que van estar aí.

-E en Segunda da a sensación de que o Pescados Rubén e o Betis son os dous candidatos mellor preparados para ascender a Primera.

-Hai outros equipos, como o Mengíbar, que tamén se reforzaron moi ben. Nesta categoría é moi arriscado facer pronósticos porque sempre salta algunha sorpresa. O ano pasado eran poucos o que apostaban polo UMA Antequera na promoción e hoxe está en Primeira. Tanto na Primeira feminina como na Segunda masculina sempre hai que saír á pista ca mentalidade de que ningún rival é fácil e que hai que dar o máximo.

-Mañá [por hoxe] volve a Copa do Rei ao Vista Alegre. Pasar aos oitavos de final sería un sorpresa.

-No hai dúbida de que o Osasuna Magna é o gran favorito na eliminatoria porque é de Primeira, e ademais un dos equipos importantes, e nós de Segunda, pero ímolo intentar. Sería bonito estar nos oitavos de final.