«Participar no certame de bandas de Galicia por primeira vez xa é un premio»

A Banda de Música O Landro, de Viveiro, competirá o 3 de novembro no Auditorio de Galicia en Santiago, e esta tarde ofrecerá un ensaio de portas abertas na Casa do Forno en Celeiro


viveiro / la voz

O próximo 3 de novembro, a Banda Municipal de Música O Landro de Viveiro subirá ao escenario da sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, para competir no duodécimo Certame Galego de Bandas de Música, organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares. «Participar no certame de bandas de Galicia por primeira vez xa é un premio por todo o traballo que levamos feito este ano, sexa cal sexa o resultado», subliña o director da formación, Carlos Timiraos Timiraos (Viveiro, 1985).

-A convocatoria explica que o certame busca fomentar e estimular a actividade musical como parte «fundamental» do patrimonio cultural. En que consiste o concurso?

-Está dividido en tres seccións segundo o número de músicos. Podendo ir na segunda, nós imos ir na terceira sección, que é ata cincuenta músicos. Penso que é a máis complexa porque tamén é a máis abundante. Hai poucas bandas de máis de sesenta músicos. As que teñen máis de 70 músicos van na primeira sección, e aí o nivel é altísimo.

-Nesta sección compiten cinco bandas...

-Son as de Antas de Ulla, Ribadavia, Goián, que queda ao lado de Vigo, e Candeán, que tamén queda en Vigo, e logo nós.

-Que repertorio interpretarán?

-Obrígannos a tocar un pasodobre, e nós eliximos Bagaxes, un tema que o compositor galego Carlos Torres lle dedicou á Banda de Música Salcedo. E tamén imos tocar unha obra que se chama Theatre Music, Música para o teatro, do inglés Philip Sparke. É unha obra en tres tempos, dunha complexidade moi elevada, moi difícil, que empezamos a estudar en xaneiro do 2018. É un traballo feito con cabeciña e previsión. A obra está lista e agora estamos traballando para mellorar cousas que xa non son tan evidentes, estamos dándolle as últimas pinceladas.

-Como xurdiu a posibilidade de participar nunha cita deste tipo?

-Presentámonos o ano pasado e mandamos todo o que solicitaban. No mes de abril deste ano seleccionáronnos, e a partir de aí puxémonos mans á obra, pero en xaneiro xa empecei a traballar as pezas do certame porque sabía que se ao final nos seleccionaban non ía dar tempo. Traballo feito con cabeciña e previsión.

«Levamos dous meses ensaiando todos os días, e iso é un logro sobre todo para os rapaces»

Cincuenta músicos viveirenses con idades que arrancan nos 12 anos e superan os 60 están totalmente volcados na preparación do Certame Galego de Bandas de Música, que se celebrará en Santiago en pouco máis de dúas semanas, como explica Carlos Timiraos, que dirixirá a batuta.

-Que tal vai a preparación do concurso galego?

-Levamos dous meses ensaiando todos os días, desde primeira hora da tarde a última hora da noite. E só o feito de que toda a xuventude, salvo algunha excepción que sempre hai, asistiu a todos eses ensaios é unha vitoria nos tempos que corren, con todas as facilidades que hai para non estar nunha actividade que che esixe tanto sacrificio como a música. Hoxe hai tantas cousas nas que é tan fácil que os rapaces queden no sofá, que que estean sacrificándose cun instrumento, que é duro, é un logro para a educación.

«A mellor versión sobre o atril»

Carlos Timiraos destaca o «gran traballo» que están realizando todos e cada un dos músicos da formación que dirixe para «dar a súa mellor versión no atril» na cita que terá lugar en Santiago de Compostela. «Síntome moi orgulloso porque isto na miña xuventude non o vivín. Participar nun certame así non era fácil porque estaba ao alcance de poucas bandas. E só o feito de vivir a experiencia e de que os rapaces vivan a experiencia do traballo preparándoo é un premio. Estou máis que premiado polo traballo que leva facendo a banda toda a tempada. E finalizar o 2018 con este certame, sexa cal sexa o resultado, é a guinda a pastel. Agora só queda vivir a experiencia de tocar nunha das mellores salas de Galicia e sentir o cariño do pobo», conclúe o músico viveirense.

Esta tarde a banda ofrecerá na Casa do Forno de Celeiro un ensaio coas portas abertas

Dar a coñecer ao público en xeral e ao público da banda en particular o intenso e meticuloso traballo que se está a facer para preparar o certame galego de bandas é o obxectivo da xornada de portas abertas que ofrecerá a Banda de Música O Landro este sábado, 20 de outubro, na Casa do Forno de Celeiro a partir das 20.30 horas. «Faremos un ensaio xeral para pasar repertorio no que se traballarán os erros e se enfatizarán as virtudes. Que ninguén pense que se trata dun concerto», indica Carlos Timiraos, que invita a acudir á sesión preparatoria a todos aqueles que queiran «descubrir o traballo que se fai nunha orquestra de vento».

Proba de sonoridade

O ensaio tamén se levará a cabo no espazo cultural celeirense «por cambiar un pouco e probar a sonoridade», posto que as instalacións da Casa do Forno permitirán realizar un tipo de traballo acústico distinto ao que se realiza no día a día nas aulas do Conservatorio de Viveiro. «E vimos unha oportunidade perfecta para mostrarlle á xente o que facemos», indica o director.  

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«Participar no certame de bandas de Galicia por primeira vez xa é un premio»