«O Concello de Xove supera ao ano os 200.000 euros en achegas ao deporte»

Centos de veciños e visitantes participarán mañá no Día da Bicicleta, que comezará ás 10.30 horas


xove / la voz

Mañá pola mañá, centos de veciños de Xove e doutros puntos da comarca participarán no Día da Bicicleta de Xove, que dará comezo ás 10.30 horas na Praza do Centro Cívico. Será unha xornada especial, como destaca o alcalde, Demetrio Salgueiro.

-É un día de fomento do deporte e para disfrutar en familia, sobre todo os nenos, pero tamén para moitos pais que irán cos seus fillos, e para poñer en valor a actividade deportiva como fomento dunha vida sa, pero tamén para que os nenos desde moi pequeniños se acostumen ao deporte das dúas rodas, que é moi san. Ademais, o Día da Bici é unha forma de visualizar o traballo que o Concello de Xove fai día a día polo deporte porque esta iniciativa súmase a outras moitas que facemos durante todo o ano.

-Tamén supón unha boa promoción a nivel turístico...

-O ano pasado non o houbo, e este ano decidimos retomar a iniciativa do Día da Bici, que en anteriores edicións tivo unha grande afluencia de público, de preto catrocentos participantes. É un día no que tamén acode moita xente de fóra, de concellos limítrofes, co cal a ruta que se fai é tamén unha forma de que coñezan un pouquiño máis do noso concello e non se cingan só ó núcleo urbano. Para poñer Xove no mapa dentro da programación deportiva fóra do verán; é unha forma de fomento, de promoción do concello e dunha vida sa a través do deporte, e de inculcarllo ás novas xeracións.

-En que outras iniciativas se implica o Concello o resto do ano a nivel deportivo?

-O Concello destina unha parte moi importante do orzamento municipal á promoción do deporte. En subvencións ás distintas asociacións e clubs que hai no concello, superamos os 200.000 euros de achegas en temas deportivos, porque temos a subvención para o Xove Lago, para o fútbol sala, para o club de natación..., pero tamén fomentamos o deporte base a través da Asociación Cultural e Deportiva Xove. E ademais temos dúas escolas deportivas, unha de ximnasia rítmica, e contamos con todas as especialidades, desde patinaxe, xadrez, fútbol sala, fútbol, tenis de mesa...

-E desde hai pouco mesmo existe un club ciclista.

-Tamén. O Komando Xoviético tamén é unha asociación municipal coa que colaboramos e que o domingo que vén organizará unha ruta que xa ten preto dos douscentos inscritos. Colaboramos con todas as asociacións, e aparte despois, directamente, o Concello organiza no verán campamentos deportivos , deportes ao aire libre, nas praias... Hai unha grande actividade. Temos un club de natación que é unha referencia, temos un equipo en Segunda División B de fútbol sala, temos o Xove Lago, que é un equipo histórico de fútbol... E colaboramos estreitamente con todas as asociacións con independencia das actividades que organiza o Concello, pero tratamos de fomentar unha vida sa e ofrecer aos nosos rapaces un abanico de posibilidades para que cada un faga o que lle gusta. E iso demostra o compromiso que ten o Concello de Xove co deporte, cos rapaces e co fomento dunha vida sa.

La Voz de Galicia patrocina a cita, na que colaboran Eroski City, Motos Telmo e Carreiras

O Concello de Xove en colaboración coa Asociación Cultural e Deportiva Xove e o club ciclista Komando Xoviético son os encargados de organizar o Día da Bicicleta que se celebrará mañá desde as 10.30 horas ata ben entrado o mediodía. La Voz de Galicia patrocina a cita, na que colaborarán tres establecementos comerciais do municipio: Eroski City, que se encargará de doar os alimentos e as bebidas que tomen os participantes durante o tentempé posterior ás rutas; Motos Telmo, que doará material deportivo de ciclismo para o sorteo da xornada; e Distribuciones Carreiras.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«O Concello de Xove supera ao ano os 200.000 euros en achegas ao deporte»