«Estamos competindo con sete ou oito xuvenís en cada partido»

j. i. m.

A MARIÑA

CEDIDA

O cadro laurentino vén de gañarlle ao Meira un partido no que «tivemos que loitar contra moitos factores», di o seu preparador

19 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O Lourenzá colle aire en Segunda Galicia. No vestiario confían en que as dúas vitorias consecutivas que veñen de acadar ante o Abadín e o Meira sexan só o principio dunha longa xeira. «Son triunfos que nos reforzan», cre o seu adestrador, Diego Rego (Lourenzá, 1982), que fai a súa segunda tempada coa batuta dun cadro rexuvenecido ao máximo e do que espera grandes satisfaccións. «Este ano non temos metas a longo prazo, se ben penso que temos unha mestura de veteranos e noveis moi interesante coa que podemos facer cousas importantes».

-Vense as cousas doutra maneira despois de gañar dous partidos seguidos?

-Custounos moito arrincar, como o ano pasado, e parece que imos a máis. Estas dúas vitorias facíannos moita falta para consolidar a ilusión e a confianza que hai no equipo.

-Esperaba menos dificultades para derrotar ao último, o Meira?

-Con iso xa contaba. Nesta categoría non hai partido fácil para ninguén e a maiores tivemos que loitar contra moitos factores. Fixemos unha primeira metade moi boa, fomos ao descanso gañando por 0-1, pero nada máis comezar a segunda parte expulsáronnos a Moncho e a dez minutos do final quedamos con nove pola vermella a Manu. O equipo soubo sufrir para quedar cos tres puntos.

-Descartamos ao Lourenzá da loita polo ascenso?

-Non sei. A estas alturas é difícil saber a onde podemos chegar. Co cadro que temos, con tantos xogadores novos, creo que o mellor que podemos facer é non mirar máis aló do seguinte partido.

-O equipo perdeu potencial.

-Cambiou moito. Perdemos catro ou cinco xogadores que eran titulares o ano pasado e agora estamos competindo con sete ou oito xuvenís en cada partido; e algúns deles, como titulares. Aos rapaces fáltalles experiencia, pero seguro que irán madurando e mellorando coa axuda dos veteranos como Recalde, Moncho ou Garrafín.

-Guitiriz e Folgueiro parecen os candidatos máis firmes ao ascenso a Primeira.

-De momento si, pero isto é moi longo e seguro que, coma todos os equipos, pasarán por momentos de debilidade.

-Diego Rego é mellor adestrador ca hai un ano?

-Son o mesmo que cando aceptei coller o equipo, se ben é indubidable que o paso do tempo dáche saber estar, coñecementos e experiencia para manexar o vestiario, que non é sinxelo.

-Pesa máis o cargo no club da túa vila?

-Nunca estiven noutro banco que non fose o do Lourenzá. Imaxino que si, ou eu polo menos sinto unha gran responsabilidade, aínda que os meus obxectivos son aprender e divertirme.