O Concello celebrará este domingo, 21 de outubro, o Día da Bici
19 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Xove retomará este domingo pola mañá o Día da Bicicleta para fomentar o deporte en familia, como destaca a concelleira de Deportes, Cristina Iglesias. A cita lúdica, que será organizada polo Concello, a Asociación Cultural e Deportiva de Xove e o club ciclista Komando Xoviético, e patrocinada por La Voz de Galicia, dará comezo ás 10.30 horas na Praza do Centro Cívico. Haberá dúas rutas: unha de ao redor dun quilómetro que discorrerá polo casco urbano e na que poderán participar ata os máis pequenos, e outra duns dez quilómetros na que tomarán parte afeccionados a partir de sete anos e que chegará a distintas localidades do municipio, como A Rocha, Sumoas ou Lago, antes de regresar ao punto de partida.
-Que importancia ten o Día da Bici para Xove?
-Bastante. Levábamos varios anos sen facelo, pero cada vez hai máis afección, e este tipo de eventos son unha forma de promocionar o uso da bicicleta. O casco urbano de Xove é chan e é bastante cómodo para ir en bicicleta porque nos podemos desprazar nela perfectamente, aínda que índose cara as aldeas non o é tanto.
-Ademais das rutas, tamén haberá outras actividades...
-Haberá xincanas e tamén rampas para facer exhibición de piruetas e de bicicletas. Celebrámola o domingo pola mañá para que poidan asistir familias sobre todo. Ao acabar, sortearase unha bicicleta doada polo Concello de Xove e tamén material para as bicis que é doado por Motos Telmo de Xove. Animamos a todas aquelas persoas que estean interesadas a que veñan o domingo a Xove participar no Día da Bici, así coñecen Xove e coas rutas coñecerán novos sitios turísticos.
-Xove conta desde hai pouco cun club ciclista propio. Iso tamén é un síntoma da boa saúde da que goza a bicicleta no concello?
-Efectivamente, desde o meu departamento, que é o de Deportes, vemos como algo positivo e benvido todas as asociacións deportivas que se crean e que fomentan o deporte en Xove. O Komando Xoviético está en auxe, está aumentando aínda. De feito van facer a segunda ruta de BTT o próximo domingo, 28 de outubro.