«O das feiras e festas das San Lucas vai ser o meu primeiro pregón»

O reitor Antonio López pregoa hoxe as feiras más antigas de Galicia, con 862 anos


MONDOÑEDO / LA VOZ

Antonio López Díaz (Cabarcos, Barreiros, 1964), reitor magnífico da Universidade de Santiago de Compostela (USC), ten un vínculo especial con Mondoñedo. Na cidade cursou estudos e á cidade volve cada vez que a súa ocupada axenda llo permite. Hoxe retornará a Mondoñedo, onde exercerá ás 20.45 horas como pregoeiro das feiras e festas máis antigas de Galicia. Fan 862 anos.

-Cando lle propuxeron ser o pregoeiro?

-Foi unha sorpresa. Chamáronme no verán, en agosto, cando estaba de vacacións na Mariña na casa de meus pais. Miguel, o da comisión, falou comigo e eu aceptei encantado, como non podía ser doutra maneira.

-Que representa para vostede?

-Foi toda unha sorpresa. Son destas cousas que cando un fai por primeira vez sempre lle parece un tema complicado, pero trataremos de facelo co máximo cariño que lle temos á cidade.

-Non me diga que para vostede é o primeiro pregón...

-Por suposto. O das San Lucas vai ser o meu primeiro pregón. Un fixo case de todo, pero aínda non me tocara dar un pregón.

-Vostede estudou no Seminario Santa Catalina. Foi a súa primeira vinculación coa cidade?

-Si, foi a primeira vinculación. Con nove anos deixei a escola de Cabarcos e vin ao seminario. Daquela aínda eran momentos nos que o ensino público estaba dotado como estaba, e había que facer desprazamentos longos en autobús e xornadas case infinitas. E unha alternativa era o seminario. E alí estiven desde o ano 1973 ata o 1980. Ía ás clases no instituto. No seminario faciamos ata o que era entón oitavo de EXB, e bacharelato, o antigo BUP e COU, curseino no instituto. E alí estiven ata que vin para Santiago a estudar Dereito.

-É asiduo ás festas das San Lucas?

-Non podo dicir que son asiduo porque polas datas nas que son non podo acudir coa regularidade que me gustaría, pero si teño ido moitos anos, tanto de neno como de non tan neno.

-Que era o que máis lle gustaba e gusta desta celebración?

-A min sempre me sorprendía o ambiente. Cando era neno sabiamos o que eran as festas dos lugares, pero as San Lucas eran outra cousa. Ese ambiente de feira, de xente, de comprar, de vender... Aqueles primeiros anos era sorprendente, e co paso dos anos segue sendo un dos seus encantos, ese ambiente de feira tradicional cabalar ou o de feira ou mercado actual.

-Como catedrático de Dereito Financeiro e Tributario, que representan este tipo de feiras en Galicia?

-No que se refire á función tradicional que tiñan as feiras, sobre todo as gandeiras, desgraciadamente perderon hoxe case a súa función, é unha cousa moi testemuñal o que nos queda. Agora recuperouse ese papel novo de mercado, de intercambio, de comprar, de vender... Digamos que segue sendo unha alternativa á compra tradicional.

-Con que quedaría vostede de Mondoñedo?

-Mondoñedo é unha cidade encantadora, resiste moi ben o paso do tempo e conserva o mesmo espírito de sempre. Teño a mesma sensación cando paseo agora por Mondoñedo que cando paseaba hai quince ou vinte anos. Aínda que non sei se iso é sempre bo desde o punto de vista da cidade, da xente que vive alí todos os días. Pero ese ambiente que se conserva da cidade paréceme moi encantador.

-Pódeme anticipar como enfocará o pregón?

-Aínda que quixera non lle podería adiantar moito porque non me gusta moito ler, senón que prefiro facer as miñas intervencións máis naturais. Neste caso prefiro falar un pouquiño máis desde o corazón, desde os sentimentos... Xa que un dos factores polos que fun elixido pregoeiro foi pola miña faceta de reitor falarei da universidade, da súa vinculación con algúns persoeiros que tamén tiveron que ver con Mondoñedo, das miñas vivencias na cidade e das feiras... E animarei a participar.

-Visita con moita frecuencia A Mariña?

-Tanto polas obrigas como reitor como por circunstancias familiares quizais agora visitámola menos. Sigo tendo a casa que foi de meus pais, sigo pasando os veráns, o tempo que podo durante o mes de agosto. E ao longo do ano sempre fago todas as escapadas que podo, aínda que me gustaría facer máis.

-E continúa exercendo de mariñán?

-Dígoo sempre que podo e teño ocasión, sobre todo cando estamos fóra da Mariña. Eu sigo sendo da Mariña aínda que xa levo máis tempo asentado en Santiago. O de volver recordar os sitios nos que un naceu, onde se criou, onde ten amigos, familiares... É imposible esquecerse deso.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

«O das feiras e festas das San Lucas vai ser o meu primeiro pregón»