«As Olimpíadas buscan facer realidade a unidade da Mariña da que tanto se fala»

Lucía Rey
lucía rey ALFOZ / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

Competirán Cervo, Burela, Foz, Barreiros, Alfoz, O Valadouro, Lourenzá e Mondoñedo

13 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Oito municipios mariñáns, Cervo, Burela, Foz, Barreiros, Alfoz, O Valadouro, Lourenzá e Mondoñedo, prepáranse para competir nas primeiras Olimpíadas da Mariña Central, que se celebrarán entre os meses de novembro e decembro, como avanza un dos seus impulsores, José Vázquez Peinó (Lugo, 1960). A competición constará de catro probas diferentes: unha cultural, unha artística, unha deportiva e unha de xogos populares. «Os equipos irán sumando puntos nas distintas probas, e ao final de todas, o que máis puntos leve será o gañador», indica Vázquez Peinó, que na actualidade é profesor no IES Alfoz-Valadouro. Durante un tempo tamén foi concelleiro en Alfoz; unha etapa na que puxo en marcha as Olimpíadas Rurais deste municipio, que hoxe en día se seguen celebrando entre as diferentes parroquias, e que servirán de inspiración para as primeiras de ámbito máis comarcal.

O obxectivo final desta curiosa iniciativa é que algún ano podan participar nela todos os concellos mariñáns, aínda que nesta primeira edición só participaran oito. «As Olimpíadas buscan facer realidade esa unidade da Mariña da que tanto se fala. Aínda que hai rivalidade e é un enfrontamento deportivo, o que se busca é pasalo todos ben xuntos», comenta, e destaca o ben que funciona a experiencia en Alfoz. «Vai moitísima xente, rin, compiten... É algo moi socializador que axuda á xente a verse», sostén. A proba cultural terá lugar o sábado 24 de novembro en Alfoz, e nela os participantes medirán os seus coñecementos en varias competicións de carácter intelectual. Nunha delas, por exemplo, responderán preguntas ao estilo do programa televisivo «1, 2, 3», e noutra como no «Stop». A segunda xornada celebrarase o sábado 1 de decembro en Burela, onde os equipos tomarán parte na proba artística, que será libre. Música, baile, monólogos, canto... son algunhas das especialidades que poderán poñer sobre o escenario os xogadores para convencer ao xurado das súas dotes.

Un torneo de fútbol sala

A terceira xornada olímpica desenvolverase o 6 de decembro no pavillón de Foz, onde terá lugar a competición deportiva: un torneo de fútbol sala no que os oito equipos deberán ir superando as diferentes eliminatorias. Finalmente, Mondoñedo acollerá o cuarto e último día destas olimpíadas mariñanas o sábado 15 de decembro. Consistirán en xogos populares como carreiras de sacos, tiro con corda, lanzamento de pacas de herba ou a cadeira da raíña. Está previsto que cada concello leve á competición entre 40 e 50 xogadores.

«Na proba cultural vai haber dez participantes, na artística non hai límite, na de fútbol sala, 12 xogadores; e na dos xogos populares, 10 tamén», apunta Vázquez Peinó. Nesta peculiar competición pode participar todo o mundo que queira. «Iso é o bonito, que non hai límite de idade porque é para todos. Ao fútbol ao mellor xogará xente máis nova; nos xogos populares participará xente forte; en artístico, de todo», subliña.

CALENDARIO OLÍMPICO

24 de novembro. Proba cultural en Alfoz

1 de decembro. Proba artística en Burela

6 de decembro. Proba deportiva (fútbol sala) en Foz

15 de decembro. Xogos populares en Mondoñedo

En cada proba haberá medallas para os gañadores, os segundos e os terceiros

Igual que se dos Xogos Olímpicos se tratase, nas primeiras Olimpíadas da Mariña Central tamén se repartirán medallas e haberá un podio. Deste xeito, en cada proba os gañadores, os segundos e os terceiros recibirán, respectivamente, una medalla de «ouro», unha de «prata», e unha de «bronce». Ademais haberá diplomas para todas as persoas que participen na competición. «Haberá rivalidade ben entendida, pero compañeirismo, deportividade, amizade... todo o que manda neste tipo de acontecementos organizados para unir, e non para separar», expoñen.