«Se os veciños queren, penso seguir de alcalde, teño proxectos que rematar»

A residencia de anciáns está confirmada e farase unha ruta polas galerías das minas ata un vello forno


a pontenova / la voz

Darío Campos, alcalde da Pontenova, afronta as últimas festas do seu terceiro mandato. Confía en que non sexa o último, porque quere rematar varios proxectos en marcha, vellas aspiracións como a residencia de anciáns e centro de día, que se non hai novidades comezará a facerse o próximo ano, ou unha importante actuación turística vinculada ás minas.

-Por fin a residencia parece unha realidade. Un compromiso cumprido. Axudou que fose presidente da Deputación?

-Segundo o convenio que temos firmado o Concello achega os terreos e 200.000 euros, e o resto pono a Deputación. A Pontenova é un concello máis, coma outros nos que actúa a Deputación para axudar, caso de Ribadeo, Trabada e outros... Penso que na Deputación estamos marcando unha nova etapa, cun reparto xusto e obxectivo dos recursos, non como fai a Xunta.

-Agora xa se pode falar da residencia como unha realidade.

-Imos escriturar os terreos este mes ou a o principios do que vén, e rematar o proxecto. Temos que facer un estudo de detalle, que require o permiso da Confederación, porque os terreos están no ámbito de influencia do río, e despois licitarase, adxudicarase e comezará a obra. Esperamos que a principios do ano que vén.

-E como se xestionará?

--Penso que co convenio coa Deputación, que subscribiron os outros concellos e que resulta moi beneficioso e xusto para os usuarios, porque o que se intenta é que a xente que máis o necesita teña axuda e que quen máis recursos ten pague máis, cunha asignación progresiva.

-Compromiso cumprindo. Respira tranquilo?

-Si, pero o problema é o de sempre, a lentitude, a burocracia, os trámites. Pero máis aló dun compromiso cos veciños, é que a residencia e o centro de día é unha necesidade para A Pontenova. As trinta prazas case as poderemos encher coa xente da Pontenova que está en residencias noutros concellos.

-A inauguración quedará para a próxima lexislatura, na que seguirá Darío Campos?

-A miña vontade, se os veciños queren, é seguir, porque temos outro proxecto moi importante que queremos rematar vinculado co turismo e coas minas. O Concello comprou un vello forno en Boulloso que estaba a punto de caer, e queremos restauralo, coa axuda de Agader e da Deputación. Trátase de facer unha ruta para visitar galerías das minas e poñer unha tirolina ata Boulloso, conectando co forno. Se a iso lle xuntamos a ruta do tren mineiro ata Vilaodriz, penso que o revulsivo turístico para A Pontenova sería moi importante. Agora que cambiou o goberno teremos que ir a Madrid e mirar de conseguilo.

-E agora tocan festas.

-Si. Eu vou estar, por suposto, e invito a toda a xente de Lugo e Asturias a vir. Imos estrear alumeado novo e ter unhas festas moi boas, grazas ao traballo dos veciños da comisión, a quen teño que agradecerllo. Dende o Concello colaboramos con 6.000 euros e axuda, pero ben o merecen, porque sen eles non habería festas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Se os veciños queren, penso seguir de alcalde, teño proxectos que rematar»