«O Encontro de Palilleiras de Xove crece e é moi bo para a hostalería»

s. c. / d. g. XOVE / LA VOZ

A MARIÑA

Xaime Ramallal

O pavillón local acolle hoxe durante toda a xornada este encontro aberto e gratuíto para o público

06 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O pavillón local de deportes de Xove acolle hoxe durante a mañá e a tarde o Encontro de Palilleiras, que este ano chega xa á súa novena edición.

O Encontro de Palilleiras está plenamente consolidado, «e vai crecendo un pouco máis cada ano», di Ana Abad, concelleira de Servizos Sociais en Xove, que onte estivo todo o día no pavillón para que nada falle e hoxe estea a punto.

Porque serán case 400 palilleiras as que participen neste Encontro: «Si -apunta Ana Abad- concretamente esperamos a 388 palilleiras chegadas desde moi diversos puntos de Galicia e tamén de Asturias. Este ano son vinte palilleiras máis ca o ano pasado».

As palilleiras comezarán a chegar ás 10 da mañá e ás 12 será a apertura do Encontro a cargo do alcalde, Demetrio Salgueiro.

Despois dunha pausa para xantar, entre as 13.30 e as 16.30, o Encontro continuará durante a tarde no pavillón municipal.

Ana Abad destacaba precisamente que «o Encontro de Palilleiras tamén é moi importante para a hostalería de Xove, pois ao fin e ao cabo son case 400 persoas ou 500 para comer e tomar cafés durante este día, porque as palilleiras non veñen soas, acostuman a vir acompañadas, sexan familiares ou amigas, e é por tanto un día importante para a hostalería local».

Hai que sinalar tamén que o grupo de gaitas de Saíñas amenizará este Encontro de Palilleiras en Xove. Pola tarde entregaranse os diplomas e agasallos ás palilleiras. A entrada é libre e gratuíta. «As palilleiras levan moi boa sensación. Hai que dicir que o Encontro é o que é grazas ás alumnas de bolillos e á súa profesora, Mercedes Barro, que fan unha gran labor».

«Hai que dicir que o Encontro é o que é grazas ás alumnas de bolillos e á súa profesora, Mercedes Barro, que fan unha gran labor»