«A maioría da xente regala xoias nunha efeméride importante»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA REDACCIÓN / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

No Colexio e na Federación hai un cento de profesionais e empresarios da provincia

21 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O matiz entre o Colexio e a Federación Galega de Xoieiros sería que o primeiro aglutina a profesionais e o segundo a empresarios do sector. Segundo os datos que manexa o presidente de ambas as entidades, o viveirense Óscar Rodríguez, serían preto de 400 profesionais colexiados en Galicia e aproximadamente outras 400 empresas na federación en si. «Os intereses son comúns. De feito, levamos anos compartindo presidente», subliña Rodríguez.

-Que datos de asociados se manexan da provincia de Lugo?

-Entre o Colexio e a Federación serían entre 90 e 100 profesionais e empresarios. Lugo é unha provincia cunha capacidade determinada que, por exemplo, poboacionalmente, non ten que ver con outras como Pontevedra ou A Coruña. Nestas dúas hai máis empresas de xoiaría e aglutinan entre un 70 e un 75%.

-Cal é a función primordial das dúas entidades, a súa utilidade?

-O denominador común sempre é favorecer a profesión e ao sector, en xeral. Por un lado, a Federación canaliza unha serie de actividades que son propiamente empresariais, como promoción, asistencia a feiras no exterior ou todo tipo de divulgación da xoiaría galega, dentro e fóra do país. Outra parte canalízaa o colexio; sería fundamentalmente de formación, ética profesional, convenios específicos, etcétera.

-Esa unión fai forza no sector?

-Se nos poñemos a analizar distintos sectores, agora mesmo penso que sería difícil encontrar un que funcionara ao nivel do noso. Temos un factor determinante, que é que procedemos do sector gremial, e loxicamente marcou etapas moi grandes ao longo da vida. Conserva esa parte importante gremial e sempre facemos actividades en pro da defensa do noso sector.

-En todo caso, algún punto débil nos tempos que corren?

-A parte máis débil posiblemente sexa a parte do comercio, que está como o resto do comercio. Quero dicir, cando falla o consumo falla o consumo de todo. O noso non vai ser excepción. Aínda así, creo que nos estamos sobreelevando, e, aínda que se produciu unha rexeneración, seguimos conservando unha cifra importante de xoiarías en Galicia. Coas actividades que organizamos procuramos estar en primeira liña e que a xoiaría sexa un sector a elixir importante.

-Sobre todo á hora de regalar.

-As virtudes que ten a xoiaría á hora de regalar son innumerable. Hoxe en día prevalece a parte enlazada coa moda, na que a xoiaría soubo facelo moi ben, pois funciona como complemento de moda e iso dá resultados importantes. Ademais, a alta xoiaría e a xoiaría tradicional gustan á xente, por outras connotacións.

-Colexio e Federación que labor de promoción internacional fan? En que feiras están presentes?

-Hai xente participando na de Vicenza, en Italia, a número un a nivel europeo; outros vai a París ou a Inhorgenta (Múnic), e hai outro grupo dentro da federación que vai repetir a feira de Las Vegas.

-Valórase a xoiaría galega?

-Si. A xoiaría galega é tan antiga! No Museo Provincial de Lugo ves torques e arracadas das épocas prerromana e romana. Di moito de si. Á parte, o galego sempre tivo avidez pola xoiaría. De feito, unha parte importante da poboación regala xoias nunha efeméride importante.

-A innovación en que medida está presente neste sector?

-Os talleres de xoiaría en Galicia, dentro da súa magnitude, fan un esforzo importante por adaptarse ás novas tecnoloxías e incorporan novidades ao sistema produtivo. Eu podo falar da miña empresa, pero tamén teño compañeiros en situacións análogas. En Óscar Joyeros en Viveiro incorporamos tecnoloxía láser e estamos contentos pola axilidade que nos proporciona.

-Investigan novos materiais?

-A inclusión de materiais innovadores supón unha porcentaxe, pero a prata e o ouro seguen a ser o 80 ou 90 da base da xoiaría que se elabora en Galicia. Está funcionando ben a combinación deses dous metais cun terceiro, como o acibeche, ou con pedras preciosas, resinas... Nós fixemos unha colección de madeira con prata e lousa do país con prata. A mente é ilimitada. Pódense facer cousas importantísimas.