Balbino Trelles: «Téñolle moitísimo cariño ao barco. Non hai día que non pase ao pé del»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

Hoxe Burela conmemora o cincuenta aniversario da emblemática embarcación

22 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Balbino Trelles Pernas (Burela, 1944) é un dos que non faltará á cita de hoxe en Burela na que se conmemoran os 50 anos do barco Reina del Carmen que despois de toda unha vida como boniteiro segue a conservar a súa utilidade, no porto burelense, como barco museo. O acto oficial terá lugar a partir das 12.00 na Confraría de Pescadores burelense coa charla «Unha vida no mar», pero tamén haberá unha degustación de bonito e visita. Tras a homenaxe matinal a antigos tripulantes e guias, pola tarde será xornada de portas abertas para aqueles que queiran visitalo, de novo ou repetindo esa experiencia única nun dos emblemas turísticos de Burela, todo un símbolo.

-Cando empezou a ir ao mar?

-Aos 14. Antes era o que había. En 1958 empecei ao bonito.

-E no Reina del Carmen?

-Realmente eu empezara de motorista noutro barco antes de ir para o Reina del Carmen.

-Alí pasou 23 anos e logo de guia. Etapas moi distintas, seguro.

-Son moi distintas, si.

-Levou algún susto a bordo del cando funcionou como boniteiro?

-Miña amiga! No Reina del Carmen sempre me foi ben. Houbo temporales, si. Eu pasara dúas galernas, cando morreran tantos de Celeiro e se foran a pique barcos de Burela, pero andaba de motorista no Reina Jesús.

-Logo, o Reina del Carmen portouse bastante ben con vostede.

-Se botas un cálculo, ben, ben... E criei os fillos con el e vivín con el. Foron 23 anos, que son moitos.

-Como era daquela a costeira?

-Hoxe hai barcos moi bos. Daquela os boniteros eran de madeira, hoxe son de ferro e teñen duchas e camarote. Pero cando empecei ao bonito no ano 58 foi nun barco de carbón que lle chamaban Horizonte e no que non había váteres. O Reina del Carmen xa tiña auga quente, corrente para afeitarse... Non era moderno coma os que hai hoxe pero naqueles anos estaba moi moderno.

-Como era o día a día nel?

-Había unha convivencia moi boa. Botabas 23 ou 24 días no mar, viñas descargar, porque era bonito fresco, facías o día de descanso e arranchabas co barco (arranchar é facer gasoil, víveres...). Tiñas que levar víveres para vinte e pico días e máis de doce homes que eran, despois dez.