«Se segue o nivel de malestar e de ruído, moita xente vai deixar o casco de Viveiro»

Lucía Rey
lucía rey VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

Sostén que solucionar os problemas que hai beneficiará a veciños, comerciantes, hostaleiros e a toda a poboación en xeral

22 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Con ganas de empezar a traballar para solucionar os problemas. Así se atopa Francisco Hermida Trastoy (Ourol, 1961), que preside a recén creada Asociación de Veciños do Casco Antigo de Viveiro.

-Unha vez que rexistren o colectivo veciñal na Xunta de Galicia, ¿cal será o primeiro obxectivo?

-Pediremos unha entrevista coa alcaldesa e plantexarémoslle as problemáticas que temos: as gaivotas, o ruído, o tráfico e as vivendas abandonadas. Logo veremos cales son as máis urxentes e aquelas nas que hai que ir empezando a facer algo. O caso é empezar a moverse, e ver como funciona isto porque somos todos un pouco novatos.

-¿Quen se pode asociar?

-Os socios terán que ser persoas que sexan propietarias dunha vivenda ou residan no casco antigo entendido nun sentido amplo. Aí pódese ter en conta a delimitación que fai o Pepri (Plan especial de protección e reforma interior) do casco histórico. Nós imos pelexar por resolver os problemas desa zona, pero iso non quere dicir que non vaiamos colaborar con outras asociacións de comerciantes, de veciños..., porque ao final moitas cousas son comúns. Fixamos unha cota simbólica de 5 euros ao ano para pagar os gastos miúdos de funcionamento.

-¿Cal é a súa experiencia como veciño do casco?

-Vivo nel coa miña muller e os meus dous fillos desde o 2011. Compramos unha casa en ruínas na calle Almirante Chicarro, na Zapatería, e rehabilitámola como vivenda e como despacho. O casco antigo é un foco moi bo para Viveiro e para o turismo. É un dos principais valores que ten. Moita xente vén a Viveiro non só polas praias, que hai moitas por toda A Mariña, senón porque nós temos algo máis. Temos un patrimonio, un casco singular que temos que coidar entre todos. Todo o mundo tería que preocuparse por que estivera mellor, máis limpo, con menos ruídos, que máis xente fora vivir alí.

-¿Que carencias detecta?

-Valoro que sexa peonil, pero aos residentes deberíannos dar algunha facilidade para acceder. Valoro moitísimo o feito de estar rodeado de edificacións antigas. Temos a carencia dos garaxes, pero desde o momento en que decides vivir no casco xa sabes que vas ter esa pequena incomodidade. O único que pides é que os residentes teñan algún réxime especial. Logo están os ruídos. A todos nos gusta a festa e saír, pero hai que ter unhas normas e unha lexislación que hai que cumprir. E despois temos que intentar regular un pouco o tema dos cans, das gaivotas, os gatos e mesmo as persoas: as mexadas de quen usa as calles como se fosen locais.

-Veciños, comerciantes, turistas... conflúen moitos intereses...

-Pero convivir é bo para todos. Se se segue con este nivel de malestar e de ruído, moita xente vai abandonar o casco e vaise ir vivir a outros sitios, polo que van quedar máis casas abandonadas. Pero se está cheo de xente que viva haberá máis comercio, máis locais, máis vida..., e iso vai ser bo para todos, mesmo para os locais nocturnos.