«Hai que poñer medios para facer da educación musical unha identidade»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía MONDOÑEDO / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

o director das escolas municipais de música de Mondoñedo e de Burela, e da Orquesta Clásica de Xove, viaxará a Alemaña para abrir intercambios coas escolas de música da Mariña

20 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Igual que se fan irmandamentos en distintos ámbitos, no musical tamén son posibles. Un novo proxecto con idea de amplialo a nivel comarcal xorde do director das escolas municipais de música de Mondoñedo e de Burela e da Orquesta Clásica de Xove, Xan Carballal, quen porá rumbo o vindeiro mércores a Alemaña para tomar contacto con escolas de música de Gütersloh. Á volta, o seu interese é formalizar intercambios entre estas e as mariñás, non so a mindoniense e burelense senón tamén con centros de Viveiro, Foz e Ribadeo. Na apertura do curso da burelense, adiantou esta iniciativa: «Poder agora irmandarnos con outras escolas pode representar como un escaparate ao exterior».

-Por que se fixou en Alemaña?

-A miña filla Nara [Carballal Nogueira] está estudando alí e facilítame os contactos. Agora rematou pedagoxía de violonchelo e ten que facer prácticas na escola alí. Ela xa vai soa polo mundo... Por outro lado, estamos falando do país onde se crearon as primeiras escolas de música, no século XIX. Sen embargo, a nosa tradición é de menos de 30 anos. Estamos, por dicilo doutra forma, na «etapa infantil». Así como noutros eidos da educación, por exemplo a través dos erasmus e programas europeos, hai intercambios, tamén en conservatorios, a nivel de escola municipal de música queremos establecer un clima de traballo intercambiando experiencias entre profesores e sistemas pedagóxicos e ver como se xestionan as escolas deses países (recursos pedagóxicos, infraestruturas...). Na páxina web da de Gütersloh hai un apartado que é o que máis me gusta, en sinfonía aparece unha orquestra que dis... ¡que marabilla! Mandáronme un disco desa orquestra e soa de fábula. Por iso nos interesa asomarnos a esa ventana, ao exterior, e ver cómo se traballa noutros países. Todo o mundo, dende alumnos a profesores, necesitamos reciclarnos, tamén políticos e sociedade civil, que vexan que isto que facemos non é algo illado. Noutros países levan moito tempo cultivando esta tradición da música e con moi bos resultados.

-Cando fará a viaxe?

-Saio o 26 e regreso o 30. Teño a primeira reunión o 27. É unha toma de contacto. A ver que sae...

-Dá a impresión que a cultura e a educación musical vense distintas neses países, como que a levan máis no adn, non?

-Unha cousa importante que resalto é a xestión: como se xestionan eses centros de música? Falamos de séculos de xestión, o plantel de traballadores entre docentes, administrativos, etcétera é moi grande. Pregunto: realmente interesa a educación musical? Máxime hoxe en día en que hai os medios para ter unha educación musical de calidade. É importante que se saiban os beneficios que acarrea a educación musical, os estudantes estudando música pero tamén relacionándose uns cos outros. Hai que poñer os medios para lograr que a educación musical sexa unha identidade.

-A que escolas da zona proporá os intercambios?

-Queremos loxicamente que sexa algo de todas as escolas da Mariña. Estamos en principio as escolas de Mondoñedo, de Burela, de Xove, e proximamente falarei tamén coas de Foz e Ribadeo e co Conservatorio de Viveiro. Xa temos feito en varias ocasións proxectos conxuntos que nos deron moi bo resultado. Eu creo que a forma de abordar estas cousas é mediante a unión dos distintos centros que forman parte da Mariña.