O BNG fala de «mentiras e verdades» no conflito de Sargadelos e critica a actitude da empresa

«Debería ter o valor suficiente de ampliar ese ofrecemento (comprar a empresa) a quen si estea en condicións de aceptalo», di o concelleiro nacionalista de Cervo


Cervo / La Voz

O portavoz do BNG de Cervo, Diego Fernández, envía unha longa carta na que fala de «mentiras e verdades» no conflito de Sargadelos e na que critica a actitude da empresa, en particular do propietario actual.

«A primeira e gran mentira de toda esta historia é a da existencia de presión sindical en Sargadelos. Non é máis ca un dos moitos inventos de Segismundo García para desviar a atención das súas verdadeiras intencións. Todo o mundo o sabe en Cervo, a combatividade sindical en Sargadelos é, e sempre foi, nula. Os cartos que leva pagado a Fábrica de Sargadelos pola suposta conflitividade sindical son só consecuencia de sentenzas xudiciais firmes contra ERE incorrectos e de despedimentos arbitrarios e ilegais provocados pola irresponsabilidade e neglixencia de Segismundo García, un señor que asegura coñecer as leis pero que despreza e incumpre as máis básicas normativas laborais. Perde unha tras outra tódalas reclamacións que os traballadores despedidos interpoñen, pero el non ten a culpa: son os sindicatos, a Inspección de Traballo, os xuíces, son as leis deste país que, segundo el, favorecen demasiado aos traballadores», sinala o concelleiro do BNG.

Ataques «despiadados»

«Esta última vaga de ataques desapiadados contra os dereitos dos traballadores e contra o prestixio de Sargadelos iniciouse pola sospeita dunha posible denuncia oída nunha conversa informal. E a raíz dun asunto tan trivial e inofensivo comezaron os despedimentos de traballadores e traballadoras que nada tiñan que ver co asunto, acompañados de ameazas de peche da empresa. Este mal chamado empresario reacciona ante a máis lixeira sospeita de discrepancia con castigos colectivos e ameazas apocalípticas totalmente desmedidas. Está claro que se trata dunha estratexia cun obxectivo distinto: necesita culpar a alguén para agachar a súa escura planificación sobre o futuro de Sargadelos. Á parte da ilegalidade que supón e dos posibles delitos contra os dereitos dos traballadores trátase dunha caza de bruxas intolerable», engade Diego Fernández.

El culpable

«Permitídeme que malgaste un pouco de espazo deste artigo-berro para dirixirme directamente ao culpable deste desastre, o cal me chamou a pasada semana para ofrecerme as súas accións polo mesmo valor que el as comprara: sr. García -vouno tratar de vostede, tal e como me esixiu coas súas maneiras prepotentes e autoritarias na ridícula chamada telefónica que recibín, pero non por ningún indicio de respecto que vde. non merece, senón por resaltar a distancia que nos separa, que é a que vai da dignidade á indignidade, da decencia á total falta de escrúpulos que o caracteriza-, pois iso, Sr. García, estíveno cavilando e non, non lle vou comprar as súas accións na empresa. Botei contas e o meu salario de obreiro honrado non me dá para acometer esa clase de aventuras. Créame que me produciría unha enorme satisfacción conseguir apartalo da xestión de Sargadelos, pero, como Vde. xa sabía cando fixo ese ofrecemento provocador e fanfarrón, carezo dos cartos e da vocación empresarial suficiente para darme ese gusto. Mais, debería ter Vde. o valor suficiente de ampliar ese ofrecemento a quen si estea en condicións de aceptalo», expresa.

«Regreso da digresión para petar na conciencia do pobo de Cervo, que tanto lle debe a Sargadelos, ao verdadeiro e fecundo Sargadelos, ao que inventaron Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane e que o esforzo das familias cervenses fixo agromar con alegría e tamén elevado beneficio económico, claro está. Temos que defender a Fábrica que entre todos construímos, que nos puxo no mundo, que creou unha marca (SARGADELOS) cun valor incalculable a nivel mundial, unha riqueza e benestar que agora nos quere arrebatar vostede, que só quere obter rendemento ao seu investimento a costa de matar Sargadelos», manifesta Diego Fernández, que finalmenten tamén expresa o seu apoio a Rogelia Mariña.

«Temos que defender a fábrica que entre todos construímos, que nos puxo no mundo, que creou unha marca de valor incalculable, Sargadelos»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos
Comentarios

O BNG fala de «mentiras e verdades» no conflito de Sargadelos e critica a actitude da empresa